Mundo
O director executivo do IILP defende o cambio na estratexia de ensino da lingua portuguesa nalgúns estados da CPLP

O director executivo do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP), Incanha Intumbo, declarou que a metodoloxía empregada no ensino da lingua portuguesa nalgúns países africanos da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) non é a máis adecuada porque se ensina como lingua materna cando non o é.
Fonte: Diário de Notícias
O Ministerio de Educación de Irlanda aproba a instrución en gaélico nas clases de Educación Física
Co fin de que o alumnado adquira competencia e confianza na lingua irlandesa e poida usala fóra da escola, o Ministerio de Educación da República de Irlanda aprobou un proxecto de tres anos que garante a instrución en gaélico irlandés na materia de Educación Física.
Fonte: Irish Mirror
O Xapón aproba unha lei que garante a promoción do ensino de xaponés a persoas estranxeiras
O Goberno do Xapón aprobou unha lei que garante o ensino do xaponés a persoas estranxeiras por parte das institucións públicas. Actualmente viven no Xapón case 3 millóns de persoas procedentes doutros países.
Fonte: Portal Mie
Propóñense medidas en Gales para que os oficios do agro contribúan ao incremento do número de falantes de galés
Asociacións de labregos e labregas do País de Gales buscan desenvolver iniciativas para incrementar o número de falantes de galés no rural. As profesións do agro son as que contan cunha porcentaxe máis alta de falantes nativos de galés.
Fonte: Farming UK
Cabo Verde acolle un encontro sobre literatura infantil e xuvenil en portugués
A cidade caboverdiana de Praia acolle a novena edición do Encontro de Escritores de Lingua Portuguesa. O evento, que este ano ten como tema a literatura infantil e xuvenil, homenaxeará o escritor Germano de Sousa.
Fonte: Notícias ao Minuto
A Academia da Lingua Hebrea incorpora máis de 1000 novos termos
A Academia da Lingua Hebrea acaba de publicar unha lista que inclúe un total de 1400 novas palabras, moitas delas do ámbito xurídico e que substitúen termos tomados da lingua inglesa.
Fonte: The Times of Israel
Segue caendo o uso das linguas indíxenas en México
O Centro do Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia (INAH) de México confirmou a tendencia á baixa no uso das linguas indíxenas en México e recomendou medidas para paliar esta situación.
Fonte: 20 minutos
O Goberno de Portugal segue investindo no desenvolvemento da lingua portuguesa en Venezuela
O Goberno de Portugal segue destinando apoio a cidadáns portugueses e lusodescendentes en Venezuela. O orzamento destinado ao desenvolvemento da lingua portuguesa ascendeu no último ano a 200 mil euros.
Fonte: Expresso
Solicítanlle ao presidente de Francia maior protección para a lingua francesa fronte ás influencias externas
Por medio dunha carta con 100 asinantes, a asociación "Langue française" pediulle ao presidente francés Emmanuel Macron maior protección para a lingua francesa fronte ás influencias e imposición da lingua inglesa.
Fonte: Le Parisien
O Goberno do Xapón quere ampliar os servizos de asistencia en linguas estranxeiras para incrementar o número de turistas
O Goberno do Xapón reafirma o seu obxectivo de acadar os 40 millóns de visitantes co reforzo da asistencia en linguas estranxeiras nun total de 300 circuítos turísticos de todo o país.
Fonte: Portalmie
Boletín
Subscríbase ao boletín