Mundo
O romanche perde falantes e xa só 60 000 persoas falan este idioma
O romanche é unha das catro linguas nacionais de Suíza, falada polo 0,5% da poboación deste país no cantón dos grisóns, unhas 60 000 persoas, despois de que no último século o número de falantes diminuíse nun 50 %.
Fonte: BBC
A Universidade Nacional de Itapúa acolle a III Feira de Linguas de Paraguai
Os días 2 e 3 de agosto a Universidade Nacional de Itapúa acollerá a III Feira de Linguas que ten como obxectivo mostrar a realidade lingüística de Paraguai: as linguas oficiais, as linguas indíxenas ou as linguas de signos que coexisten no país.
Fonte: La Nación
Diminúe o número de estudantes valóns que escollen o neerlandés como primeira lingua estranxeira
En Bélxica existen diferenzas no que respecta á elección da primeira lingua estranxeira nas distintas rexións do país. En Flandres, por exemplo, escollen o francés, mentres que en Bruxelas deben optar polo neerlandés. Pola súa banda, na Valonia, poden elixir entre inglés, alemán ou neerlandés.
Fonte: RTBF
A igrexa protestante demanda a oficialización da lingua maohi
O sínodo da igrexa protestante maohi demándalle ao Goberno polinesio a oficialización da lingua maohi ou tahitiana, así como da súa grafía, xa que despois de doce anos do seu recoñecemento como idioma oficial, xunto co francés, da Polinesia, a Constitución francesa mantén como lingua da República unicamente esta última.
Fonte: Radio1
A etnia indíxena brasileira dos fulni-ô conserva a súa lingua grazas á música e aos rituais
Os fulni-ô son unha etnia indíxena que habita no nordeste do Brasil, a única desta zona que preserva o seu idioma, o ia-tê, algo que logrou grazas á música e aos rituais.
Fonte: Agencia EFE
Unha colección de libros en linguas autóctonas do territorio canadense de Yukon ponse a disposición da cidadanía para a súa consulta en liña
O territorio canadense de Yukon conta con oito linguas autóctonas nas que están escritos os documentos que xa se poden consultar en liña e de xeito gratuíto grazas a esta iniciativa.
Fonte: Radio-Canada
Un total de 25 países en todo o mundo ofrece o portugués no currículo escolar

O ministro de Exteriores de Portugal anunciou que quere aumentar o número de países que ofrece o ensino da lingua portuguesa no currículo escolar e que na actualidade ascende a 25 en Europa, África e América.
Google crea un corrector gramatical de textos baseado en intelixencia artificial
Google acaba de lanzar un programa piloto de Google Docs para corrixir a gramática de textos escritos incorrectamente. O sistema baséase en aprendizaxe automática e analiza o texto para logo suxerir as correccións.
Fonte: FayerWayer
Xamaica quere que o español sexa a primeira lingua estranxeira da illa
Grazas a un acordo entre o Instituto Cervantes e o Ministerio de Asuntos Exteriores de Xamaica, o español pode converterse na primeira lingua estranxeira no ensino do país caribeño.
Fonte: Hardmusica
Estudos científicos avalan as vantaxes de traballar nunha lingua estranxeira
Recentes estudos científicos demostran os beneficios de traballar nunha segunda lingua. As persoas que conseguen dominar unha lingua estranxeira no ámbito laboral demostran, entre outros aspectos, mellores capacidades analíticas que as persoas que non o fan.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase ao boletín