Mundo

Ponse en marcha un novo programa para aprender as linguas autóctonas do Quebec

A Institución Kiuna acaba de poñer en marcha un novo programa destinado a persoas que desexan adquirir coñecementos básicos dunha lingua das Primeiras Nacións e tamén ás que queren afondar na súa lingua materna. Nun primeiro momento os idiomas que se van ensinar son innu, attikamek e abenaki.

Fonte: Radio-Canada

Mauricio acolle unha conferencia internacional sobre o hindi

Do 18 ao 20 de agosto Mauricio acolleu a décimo primeira edición da Conferencia Internacional sobre a Lingua Hindi, á que acudiron máis de 2000 delegados dunha trintena de países.

Fonte: Zinfos Moris

Denuncian a ausencia da lingua guaraní nos actos e logos oficiais do Goberno paraguaio

A Academia da Lingua Guaraní envioulle unha carta ao presidente de Paraguai para expresarlle a súa preocupación pola ausencia deste idioma nos actos e logos do Goberno.

Fonte: La Nación

O Instituto Caro y Cuervo pon en marcha unha plataforma dixital para dar a coñecer a variedade lingüística de Colombia

O Instituto Caro y Cuervo dixitalizou o Atlas Lingüístico-Etnográfico de Colombia. A través dunha plataforma na web calquera poderá acceder ás variacións lingüísticas do español falado neste país.

Fonte: Las 2 Orillas

Netflix emitirá por vez primeira unha serie orixinal en lingua árabe

Netflix vai emitir en 2019 Jinn, a súa primeira serie orixinal en lingua árabe, que consta de seis episodios e está rodada en Xordania.  

Fonte: O Globo

Casaquistán cambia o seu alfabeto do cirílico ao latino

Casaquistán está cambiando o seu alfabeto oficial actual (cirílico) por outro baseado no alfabeto latino, unha transición que se fará ata o ano 2025. Esta mudanza tamén a realizaron xa outras ex-repúblicas soviéticas, como unha forma de reafirmar a súa independencia.

Fonte: Globo

O Goberno de Costa Rica establece como prioridade do Estado o ensino do inglés

O Goberno de Costa Rica asinou a Alianza para o Bilingüismo (ABi), que establece como prioridade do Estado o ensino do inglés neste país centroamericano. Na práctica, isto tradúcese nun incremento significativo da cobertura para ensinar esta lingua, que se aprenderá xa desde preescolar.

Fonte: Prensa Latina

Publícase a primeira gramática oficial da lingua guaraní

A Academia da Lingua Guaraní publicou a primeira gramática oficial deste idioma, o que converte a Paraguai oficialmente nun país bilingüe, xa que, segundo a lei de linguas de 2010, todas as disposicións da Administración estatal deberían traducirse ao guaraní cando se aprobasen o seu alfabeto, algo que xa aconteceu en 2015, e a súa gramática.

Fonte: La Vanguardia

Nace unha nova aplicación para aprender inglés con profesores nativos que ensinan en liña

A nova aplicación, Cambly, é das poucas que conta con profesores nativos titulados, ingleses e estadounidenses, que ensinan en liña a través de videochamada.

Fonte: Androidphoria

O francés podería converterse na lingua de traballo da UE por mor do Brexit

O vindeiro 30 de marzo de 2019 como moi tarde deberá producirse a saída do Reino Unido da Unión Europea. Isto fará que o inglés deixe de ser unha das 24 linguas oficiais da UE, o que deixará aberta a posibilidade de que o francés se converta na lingua de traballo das institucións europeas.

Fonte: TV5 Monde

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder