Mundo

Só dous de cada dez nenos estadounidense estudan máis dunha lingua

Segundo unha enquisa realizada recentemente, só o 20 % das nenas e nenos estuda máis dunha lingua nos EUA, dato que contrasta co que acontece en países como Noruega ou Francia, onde esta porcentaxe se eleva ata o 100 %.

Fonte: Observatorio de Innovación Educativa

O uso do francés reactívase en Ruanda

Despois de orientarse cara o mundo anglófono co establecemento do inglés como lingua do ensino, Ruanda cambiou de postura nos últimos anos cun impulso ao retorno do francés e unha defensa do bilingüismo cos idiomas locais, o kinyarwanda e o suahili.

Fonte: TV5 Monde

Entra en vigor a lei para a promoción da lingua luxemburguesa

A lei relativa á promoción do luxemburgués entrou en vigor o pasado 7 de agosto. Malia isto, faltan por cubrir dous postos no Centro para a Lingua Luxemburguesa: un para a dirección do centro e outro de comisario/a desta lingua.

Fonte: Paperjam

Comeza a segunda edición da Feira das Linguas Indíxenas Nacionais de México

No marco do Día Internacional dos Pobos Indíxenas, a Cidade de México acollerá unha feira dedicada ás linguas indíxenas do país entre os días 9 e 12 de agosto co obxectivo de visibilizar a creatividade cultural das persoas que as falan.

Fonte: INALI

 

O Parlamento ruso aproba unha lei pola que as linguas minoritarias xa non serán obrigatorias nas escolas

Segundo a Unesco, das 133 linguas que se falan en Rusia, 131 están ameazadas, unha situación que pode empeorar pola aprobación dunha lei segundo a cal a docencia nas linguas minoritarias non será obrigatoria nos centros educativos, senón voluntaria.

Fonte: Nationalia

Macau reúne xente nova de todo o mundo para aprender portugués

Macau acolleu un curso intensivo de lingua portuguesa que reuniu máis de 450 mozas e mozos de todo o mundo na súa universidade, un curso no que se combinaron as clases de portugués polas mañás e as actividades lúdicas extracurriculares polas tardes.

Fonte: Revista Port.com

Aumenta o interese por aprender portugués nos Estados Unidos

Dende a Asociación de Profesores de Portugués dos EUA prevén un incremento nas matrículas para aprender esta lingua, xa que existe un interese específico e instrumental por esta baseado na economía dos países lusófonos.   

Fonte: Revista Port.com

A maioría da poboación hispana residente nos EUA considera que o idioma constitúe unha barreira para acceder á atención sanitaria

Segundo un estudo, máis da metade da poboación hispana experimentou barreiras de comunicación ao intentar acceder ao sistema de saúde estadounidense. Para solucionar este problema, a maioría acode á axuda dalgún familiar ou a un provedor médico que fale español.

Fonte: Univisión

A defensa do catalán sitúase como unha política prioritaria en Andorra

A única lingua oficial de Andorra é o catalán e así se establece na súa Constitución. Ademais, a súa defensa constitúe unha das políticas prioritarias deste pequeno país, onde o catalán é o idioma predominante no ensino e nas institucións.

Fonte: France Télévisions

Unha plataforma web recollerá a riqueza cultural de 68 grupos etnolingüísticos de México

A Comisión Nacional para o Desenvolvemento dos Pobos Indíxenas puxo en marcha a plataforma “Atlas dos Pobos Indíxenas de México”, que ten como obxectivo dar a coñecer a riqueza cultural de 68 grupos etnolingüísticos mexicanos.

Fonte: Chiapas Paralelo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder