Mundo

Tokio quere promover a inmersión en inglés co fin de incrementar o nivel da poboación máis nova para as Olimpíadas

O Goberno metropolitano de Tokio, capital do Xapón, desenvolverá a partir de 2018 un programa de inmersión en lingua inglesa co fin de incrementar as destrezas lingüísticas da poboación máis nova para as Olimpíadas de 2020.

Fonte: The Japan Times

As visitas guiadas do Museo Nacional de Taiwán inclúen o galego

O Museo Nacional de Taiwán ofrecerá visitas de balde en galego xunto a outras oito linguas estranxeiras: cantonés, coreano, español, indonesio, inglés, tailandés e vietnamita.

Fonte: Galicia Confidencial

O Goberno de Francia crea un concurso público para docentes de linguas rexionais

O Ministerio de Educación de Francia anunciou nun comunicado que aprobará a creación dun concurso público para docentes de oito linguas rexionais francesas entre as que se encontran o éuscaro, o occitano e o catalán.

Fonte: Le Figaro

Un colectivo demanda a reintrodución do bretón na televisión no departamento de Loira Atlántico

O colectivo de defensa da lingua bretoa Brezhoneg er skinwell manifestouse para demandar que se volva empregar o bretón nas retransmisións da televisión pública no departamento francés de Loira Atlántico. As emisións desta lingua foron interrompidas no ano 2002 despois de 30 anos de difusión continuada.

Fonte: Jornalet

Aumenta a tensión entre o Goberno de Camerún e a poboación anglófona

Por motivos relacionados co seu pasado colonial, dúas rexións de Camerún teñen o inglés como primeira lingua fronte ao resto da poboación que se expresa normalmente en francés. Nos últimos meses, a tensión entre o goberno e a poboación anglófona creceu exponencialmente e xa se produciron cinco mortes en diferentes manifestacións.

Fonte: Quartz

O Goberno do País de Gales aprobará axudas para asociacións que promovan a lingua galesa

O ministro da Lingua Galesa, Alun Davies, anunciou que o Goberno de Gales destinará 4,2 millóns de libras esterlinas a organizacións que realicen proxectos de promoción e protección da lingua galesa.

Fonte: South Wales Argus

O Consello de Europa lamenta que o Goberno do Reino Unido non aprobe unha lei que promova o gaélico irlandés

O Consello de Europa lamentou que o Goberno do Reino Unido non crease o consenso necesario para aprobar a Lei da Lingua Irlandesa que garanta dereitos para os falantes de gaélico en Irlanda do Norte.

Fonte: Irish News

Un acordo entre Portugal e Francia permite o ensino do portugués na educación básica

O ministro de Educación de Portugal, Tiago Brandão, informou de que nove mil alumnos do ensino básico de Francia están a aprender portugués neste ano lectivo grazas a un acordo asinado entre os ministerios de Educación dos dous países.

Fonte: Observador

O Goberno vasco dedica 400 000 euros a iniciativas de promoción do éuscaro no País Vasco francés

O Goberno vasco e o Organismo Público da Lingua Vasca renovaron o seu acordo de colaboración en materia de éuscaro co que pretenden fomentar o coñecemento, emprego e presenza desta lingua en Iparralde.

Fonte: El Diario Vasco

A Comisión Europea acollerá a iniciativa de protexer as minorías lingüísticas da Unión Europea

A Comisión Europea rexistrará a iniciativa cidadá "Minority SafePack" que avoga pola protección das persoas que pertencen a minorías lingüísticas co obxectivo de promover e protexer a diversidade lingüística da Unión Europea.

Fonte: La Vanguardia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder