Mundo
O Goberno de Nunavut quere adiar o ensino bilingüe inglés-inuit ata o 2029
Segundo a lexislación aprobada en 2008, o Goberno da provincia canadense de Nunavut debía ofrecer antes de 2019 un ensino completamente bilingüe en inglés e inuit en todas as escolas públicas. O ministro de Educación declarou que esta medida non se poderá implementar ata o 2029, o que podería supor un risco para a xa ameazada lingua nativa.
Fonte: CBC
Unha universidade británica quere que o seu alumnado empregue linguaxe non sexista
A Universidade de Hull, no norte de Inglaterra, quere que se empregue a linguaxe non sexista nos traballos escritos. A medida foi criticada porque o feito de non facelo podería ter un impacto negativo nas notas do alumnado.
Fonte: The Telegraph
Voluntarios de lingua mapuche participarán na realización do próximo censo na rexión chilena da Araucanía
A Academia da Lingua Mapuche da rexión chilena da Araucania informou de que o próximo censo poderá realizarse por voluntarios competentes en mapuche para non vulnerar os dereitos dos seus falantes.
Fonte: Biobío Chile
Indíxenas poderán impartir clases de lingua mapuche na rexión chilena de O'Higgins
Unha iniciativa da Corporación Nacional de Desenvolvemento Indíxena de Chile (Conadi) permitirá que indíxenas da rexión de O'Higgins poidan impartir clases de mapuche en centros escolares.
Fonte: El Tipógrafo
A Rexión Autónoma Uigur de Xinjiang quere fortalecer o ensino infantil en uigur e chinés
A Rexión Autónoma Uigur de Xinjiang fortalecerá o ensino infantil bilingüe uigur-chinés coa construción de máis escolas e a contratación de profesorado competente nas dúas linguas.
Fonte: ECNS
Nace un novo sitio de actualidade en lingua occitana
Acábase de estrear Lo Pichòt Comtadin, un novo xornal en liña en lingua occitana que ofrecerá noticias de actualidade do mundo e do antigo condado Venaissin.
Fonte: Jornalet
A comisaria de Linguas Oficiais do Canadá demanda unha mellor distribución dos inmigrantes francófonos
Ghislaine Saikaley, comisaria canadense de Linguas Oficiais, demandou que se faga unha mellor distribución por todo o país dos inmigrantes que teñan o francés como primeira lingua co obxectivo de manter o peso demográfico das comunidades francófonas.
Fonte: La Presse
A oitava edición da escola de verán do Centro de Linguas da Universidade do Miño ofrecerá 9 cursos
A oitava edición do "Verán das Linguas" do Centro de Linguas do Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Miño ofrecerá un total de oito cursos de linguas estranxeiras e un curso de lingua de signos portuguesa.
Fonte: Braga TV
Tres emigrantes portuguesas en Rotterdam crean unha biblioteca para que os seus fillos non se esquezan do portugués
Tres amigas portuguesas en Rotterdam (Países Baixos) crearon unha biblioteca de libros en portugués para que os fillos dos emigrantes portugueses poidan ler na súa lingua de orixe. Actualmente, a biblioteca conta xa con 200 exemplares de libros de literatura infantil e xuvenil.
Fonte: RTP Notícias
A revista científica Nature ve unha oportunidade para que o galego se converta en lingua oficial da UE grazas ao Brexit
A prestixiosa revista Nature publicou un editorial baixo o título 'Europe must find a new home for its drug regulator — and a way to keep using English' no que fala da oportunidade que supón o Brexit para a lingua galega.
Fonte: Galicia Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín