Mundo

Santiago de Compostela incorpórase á Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa

A Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) decidiu na súa última asemblea celebrada en Luanda (Angola) admitir a capital galega, Santiago de Compostela, na lista de cidades da lusofonía. O obxectivo da incorporación é "reforzar as relacións coas cidades do mundo lusófono e non só coas portuguesas".

Fonte: SAPO24

Un informe revela que o islandés é unha das linguas máis ameazadas na era dixital

A globalización e o uso maioritario do inglés nas novas tecnoloxías supón un atranco para linguas con poucos falantes como o islandés que, segundo un informe da Alianza Tecnolóxica Multilingüe de Europa (META, polas súas siglas en inglés), podería estar en risco de desaparición pola súa escasa presenza na era dixital.

Fonte: The Washington Post

A Unión Europea cambiará os requirimentos lingüísticos nos seus procesos selectivos

A Oficina Europea de Selección de Persoal (EPSO, polas súas siglas en inglés) acaba de mudar os requisitos lingüísticos nos seus procesos selectivos. A partir de agora, nalgúns exames será posible que os candidatos poidan escoller un número máis amplo de linguas e non só o alemán, o francés ou o inglés.

Fonte: Euroactiv

Google dará soporte lingüístico a nove linguas da India

A multinacional Google ampliará o seu soporte lingüístico a nove novas linguas da India entre as que se encontran o canarés, o guxaratí, o panxabi e o malabar.

Fonte: The Hindu Business Line

O Parlamento portugués aproba unha resolución por unanimidade que garante o desenvolvemento da lingua de signos

A Asemblea da República portuguesa aprobou, co apoio de todos os grupos parlamentarios, unha resolución para o reforzo da lingua de signos e a creación dun grupo propio de contratación de docentes.

Fonte: Notícias ao Minuto

Un estudo revela as vantaxes do bilingüismo fronte ao monolingüismo a partir dos sete anos

Un estudo realizado pola Universidade de Sydney revelou que o alumnado británico de máis de sete anos que domina máis dunha lingua rexistra mellores resultados académicos en matemáticas e lectura que o que só ten o inglés como lingua materna.

Fonte: INews

Empresarios do norte de Gales defenden o uso da lingua galesa como motor económico

Un grupo de empresarios e expertos en turismo do norte de Gales defendeu que o uso do galés pode traer consigo beneficios económicos. O Goberno do País de Gales acaba de anunciar medidas para promocionar o uso da lingua galesa nas pequenas empresas.

Fonte: Daily Post

O Ministerio de Educación de Luxemburgo introducirá un curso de formación profesional en lingua inglesa

O Ministerio de Educación de Luxemburgo anunciou que a partir do próximo outono comezará a impartirse nunha escola internacional o primeiro curso de formación profesional en lingua inglesa.

Fonte: Luxemburger Wort

Unha pequena parte dos investimentos dedicados á educación en Gales van para os programas de inmersión en galés

Tan só un 30 % do diñeiro que o Goberno de Gales destina ao desenvolvemento dos centros de ensino no País de Gales vai destinado a escolas onde a lingua de instrución é o galés.

Fonte: Wales Online

O Consello das Comunidades Portuguesas critica a política de ensino do portugués no estranxeiro

O presidente do consello permanente do Consello das Comunidades Portuguesas (CCP), Flávio Martins, criticou en Lisboa que a política de ensino da lingua portuguesa no estranxeiro está máis centrada nas comunidades de estados de lingua oficial portuguesa que nas necesidades dos emigrantes portugueses doutros países.

Fonte: Açoriano Oriental

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder