Mundo
O chinés mandarín é visto por algúns habitantes de Hong Kong como unha ameaza da cultura local
O uso do chinés mandarín duplicouse na cidade de Hong Kong desde 1997, ano en que a rexión deixou de pertencer ao Reino Unido. Porén, sobre todo entre a xente nova, as persoas están optando actualmente por empregar só a lingua local, o cantonés, porque ven o chinés mandarín como un símbolo da influencia cultural de China. Moitas persoas temen mesmo que esta situación poida pór en risco a supervivencia do cantonés.
Fonte: BBC
Os billetes de tren poderán emitirse na lingua local dos diferentes estados indios
A entidade que xestiona a rede de ferrocarrís da India deu o visto e prace para que os billetes poidan emitirse na lingua local dos diferentes estados, ademais de hindi e inglés.
Fonte: News 18
O concerto solidario polas vítimas do incendio de Pedrógão Grande contou con interpretación en lingua de signos
O concerto solidario polas vítimas do incendio forestal de Pedrógão Grande no distrito portugués de Leiría foi interpretado integramente á lingua de signos portuguesa.
Fonte: Sol
Diferentes iniciativas promoven o ensino da lingua portuguesa en Alemaña
As xornadas Mergullo na Lingua Portuguesa de Hamburgo, a Semana da Lingua Portuguesa de Colonia e as Lusitaníadas de Osnabrück son algunhas das iniciativas que se desenvolven en Alemaña para promover e dinamizar o ensino da lingua de Camões.
Fonte: Mundo Português
Comezan as celebracións a prol da cultura aborixe en Australia
As cidades máis importantes de Australia comezaron as celebracións para conmemorar a cultura dos aborixes australianos e dos pobos orixinarios do estreito de Torres.
Fonte: Xinhua
Unha organización australiana desenvolve un software para preservar linguas indíxenas
Unha organización australiana sen ánimo de lucro creou un programa que permite dixitalizar contidos de texto, vídeo e audio sobre linguas indíxenas para permitir a súa preservación.
Fonte: ABC
Poste Italiane lanza un proxecto para ofrecer servizos en lingua de signos
O servizo de correos de Italia, Poste Italiane, abriu o primeiro posto de atención en lingua de signos nunha oficina da cidade véneta de Vicenza. O obxectivo é estender esta iniciativa a outros lugares do país.
Fonte: Il Mattino di Padova
Os cursos de portugués para estranxeiros da Universidade do Miño cativan cada vez máis participantes
Un total de 64 estudantes de 18 nacionalidades participará en Braga nos cursos de lingua portuguesa para estranxeiros da Universidade do Miño. A crecente participación demostra a importancia que está a adquirir o portugués a nivel internacional.
Fonte: Diário do Minho
A comunidade hispanófona dos EUA critica a actitude da Casa Branca respecto ao uso do español
A comunidade de falantes de español dos EUA criticou a administración de Donal Trump por descoidar e abandonar o uso da lingua española nas comunicacións oficiais e en redes sociais como Twitter.
Fonte: The Guardian
Unha enquisa do British Council revela preocupación polo futuro das linguas estranxeiras nas escolas galesas
Unha enquisa realizada polo British Council revelou que existe unha forte preocupación entre o profesorado do País de Gales polo futuro do ensino das linguas modernas no sistema educativo. O estudo mostrou, por exemplo, que o 61 % das escolas teñen menos de cinco alumnos estudando unha lingua estranxeira no último ano do bacharelato.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase ao boletín