Mundo

O Instituto Cervantes de Nova York oferta un curso de lingua asturiana

A lingua asturiana entra por primeira vez na programación do Instituto Cervantes de Nova York por medio dun curso de introdución á lingua e cultura asturianas. A formación, que durará até decembro, será impartida pola profesora Paquita Suárez Coalla.

Fonte: El Comercio

Esgótanse as prazas dos cursos de catalán do Goberno de Andorra

As prazas para os cursos de catalán que ofrece o Goberno de Andorra esgotáronse ás poucas horas de comezar o prazo de inscrición. A aprobación da Lei de Lingua Propia de Andorra dispara a demanda por aprender catalán.

Fonte: Diari de la Llengua

Un estudo da Universidade de Bangor revela que a maioría da xente nova se interesa por negocios que usen a lingua galesa

Unha nova investigación da Universidade de Bangor revela que o 70 % das persoas menores de 30 anos mostran interese polos proxectos empresariais que empreguen a lingua galesa.

Fonte: North Wales Chronicle

O Estado de Alasca recoñece oficialmente catro novas linguas

Unha lei do Estado de Alasca modificou o número de linguas oficiais e recoñeceu catro novos idiomas nativos: cup’ig, tanana medio, tanana inferior e wetał.

Fonte: Alaska Public Media

O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo seguirá tendo acceso gratuíto nas fins de semana

O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo, espazo cultural que ofrece exposicións interactivas, audiovisuais e educativas arredor da lingua portuguesa, seguirá tendo acceso gratuíto todas as fins de semana até finais de ano.

Fonte: CNN Brasil

Corea do Sur e o Xapón fan esforzos por preservar as súas linguas minorizadas en perigo

Corea do Norte e o Xapón están pondo medios e esforzos por salvar da extinción as súas linguas nativas con menos falantes, como o ainu no Xapón ou o jeju na illa do mesmo nome en Corea do Sur.

Fonte: CNA

Estonia estrea un modelo escolar integramente en lingua estoniana

Estonia deixará atrás o modelo de dobre vía lingüística e a partir deste curso académico, todo o alumnado do país báltico ten que estar escolarizado en lingua estoniana. A ministra de Educación quere reducir así o baixo nivel académico do alumnado rusófono xa que non era suficientemente competente na lingua oficial.

Fonte: Diari de la Llengua

O Reino Unido está a valorar un novo sistema de probas de inglés para a obtención de visados

O Goberno do Reino Unido quere crear un novo procedemento de probas de lingua inglesa como parte dun proceso de mellora do sistema que existe para a obtención dos visados. 

Fonte: ST Network

O Brasil aproba un programa de preservación e transmisión das linguas indíxenas

A Comisión da Amazonia e dos Pobos Orixinarios da Cámara dos Deputados do Brasil aprobou un proxecto de lei que permitirá crear o programa de preservación, recuperación e transmisión das linguas indíxenas brasileiras.

Fonte: Diário Digital

O 38,4 % das linguas orixinarias de América Latina e o Caribe pode desaparecer de xeito inminente

Segundo un estudo do Atlas de Linguas Indíxenas en Perigo de Desaparición, o 38,4 % das linguas orixinarias de América Latina e o Caribe están nunha situación crítica. Esta porcentaxe aumentou 18 puntos nos últimos anos.

Fonte: Diari de la Llengua

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder