Mundo

A Organización de Estados Iberoamericanos crea unha comisión para impulsar as linguas iberoamericanas no panorama global

A Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) crea a Comisión de Especialistas en Multilingüismo co fin de promover as linguas iberoamericanas, especialmente o portugués e o español, como linguas de ciencia e cultura.

Fonte: OEI

O mundo celebra o Día Internacional das Linguas de Signos

O 23 de setembro celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Linguas de Signos, conmemorado polas Nacións Unidas para promover a identidade lingüística e diversidade cultural das persoas xordas. A edición deste ano ten por lema "Defende os dereitos das linguas de signos".

Fonte: United Nations

O dicionario Oxford da lingua inglesa incorpora dez termos en lingua galesa

O dicionario Oxford da lingua inglesa incorporou dez entradas en galés pola influencia que esta lingua ten no inglés falado no País de Gales.

Fonte: BBC

A comisaria da Lingua Galesa reclama máis apoio para as persoas falantes de galés que padezan demencia

A comisaria da Lingua Galesa, Efa Gruffudd Jones, reclamou un maior compromiso das institucións para garantir que as persoas falantes de galés que padezan demencia dispoñan de servizos adaptados na súa lingua.

Fonte: The Pembrokeshire Herald

Europa celebra o Día Europeo das Linguas

O 26 de setembro, Europa celebra o Día Europeo das Linguas, unha iniciativa promovida polo Consello de Europa, cuxo obxectivo é sensibilizar a cidadanía sobre a relevancia da aprendizaxe de linguas e a urxencia de preservar o valioso patrimonio lingüístico de Europa. Este ano, o lema é "Linguas para a paz", xa que a diversidade lingüística desempeña un papel esencial na construción dunha sociedade de paz, convivencia e democracia.

Fonte: Council of Europe

 

 

O Goberno de Guatemala promove unha iniciativa para preservar os idiomas maias

O Ministerio de Gobernación de Guatemala traducirá ao idioma quiché as noticias máis relevantes do seu portal. Con esta iniciativa, Guatemala quere promover a diversidade cultural e lingüística e dar un primeiro paso para preservar as linguas maias nativas.

Fonte: Agencia Guatemalteca de Noticias

Unha controvertida lei surafricana pode pór en risco o ensino do afrikaans

O Goberno de Suráfrica aprobou unha polémica lei educativa que segundo os partidos da oposición podería ameazar o ensino da lingua afrikaans.

Fonte: The Guardian

As escolas de Belarús abandonan paulatinamente a lingua bielorrusa

Nun proceso de rusificación sen precedentes, as escolas de Belarús abandonan paulatinamente a lingua bielorrusa en favor do ruso, que se está convertendo tamén no idioma predominante nas institucións públicas e nos medios de comunicación.

Fonte:  Euronews

Armenia asina un acordo para promover a lingua francesa nas escolas

Francia e Armenia asinan un acordo para promover o ensino da lingua francesa nas escolas públicas. O país galo vai investir 600 mil euros neste proxecto.

Fonte: OC Media

Refórzase o ensino do húngaro na rexión romanesa de Transilvania

O secretario de Estado do Ensino para as Minorías de Romanía, Zoltán Kallós, anunciou o reforzo do ensino do húngaro entre a minoría étnica que reside na rexión romanesa de Transilvania.

Fonte: Hungary Today

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder