Mundo

O mundo celebra o Día Internacional da Lingua Rusa

Como cada 6 de xuño desde 2010, as Nacións Unidas celebran o Día Internacional da Lingua Rusa con motivo do aniversario do nacemento do grande poeta ruso Alexander Pushkin.

Fonte: UNESCO

Os estudantes indíxenas do Quebec queren estar exentos dos requisitos de lingua francesa da nova Lei 96

A nova lei en materia lingüística 'Lei 96', aprobada na provincia canadense de Quebec, segue a levantar polémica. O estudantado indíxena da provincia quere estar exento dos requisitos en lingua francesa desta lei ao argumentar que "está pondo en risco a súa educación".

Fonte: APTN News

O portugués é a segunda lingua máis demandada no exame de acceso universitario nos EUA

Un total de 343 persoas fixeron o exame de idioma portugués nas probas nacionais de acceso á universidade dos EUA e isto convérteo na segunda lingua máis demandada nestas probas, despois do ruso.

Fonte: RTP Madeira

Francia aproba o ensino das linguas dos territorios de ultramar nas escolas

A Asemblea Nacional de Francia aprobou unha proposición de lei que obrigará os centros educativos a ofrecer o ensino das linguas rexionais nos territorios de ultramar. O obxectivo é combater o abandono escolar.

Fonte: Diario de la Llengua

Increméntase o número de inscricións nos exames oficiais de catalán en Andorra

O número de inscricións nos exames oficiais de catalán aumenta un 17 % en Andorra. A aprobación recente da lei da lingua propia fixo disparar o interese por aprender o idioma do país.

Fonte: Diari de la Llengua

Casaquistán toma medidas para promover a lingua casaca

Casaquistán vai modificar a súa política migratoria coa intención de pedirlles unha proba de lingua ás persoas que queiran adquirir a nacionalidade. Esta medida forma parte dos esforzos que o país está facendo para fomentar o uso e protección da lingua casaca.

Fonte: Eurasianet

Un lingüista declara que se lles debe dar ás persoas inmigrantes a oportunidade de aprender as linguas vernáculas

Un lingüista e catedrático da Universidade de Islandia, Eiríkur Rögnvaldsson, criticou a tendencia a mudar ao inglés para comunicar coas persoas inmigradas xa que isto lles impide aprender a lingua vernácula e acceder a oportunidades no país de acollida.

Fonte: Reykjavik Grapavine

Fortalécese o ensino universitario en lingua inglesa en Grecia

Nos próximos días, a primeira remesa de estudantes universitarios que realizaron os seus estudos integramente en inglés rematará o grao de Arqueoloxía, Historia e Grecia Antiga pola Universidade de Atenas. Ademais deste programa de estudos, existen outros tres programas impartidos en inglés, o que demostra o interese crecente que existe en Grecia por potenciar a internacionalización do ensino universitario por medio da lingua estranxeira.

Fonte: Ekathimerini

O Goberno de Portugal reforzará o ensino do portugués como lingua non materna

O Goberno de Portugal presentou o novo plan de acción para as migracións que prevé a revisión dos procedementos e o fortalecemento dos medios para o ensino do portugués como lingua non materna.

Fonte: SIC Notícias

Unha organización da India crea unha escola para preservar a lingua tibetana

Unha organización non gobernamental do norte da India crea unha escola na localidade de Dharamsala para que os fillos e fillas de familias tibetanas que viven na India poidan aprender e preservar a lingua e cultura tibetanas.

Fonte: Radio Free Asia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder