Mundo
O ensino das linguas modernas en secundaria cae en Escocia un 59 %
Os datos actuais do estudo de linguas modernas en Escocia mostran un descenso preocupante entre o alumnado das ensinanzas medias. Actualmente só 23 000 estudantes escoceses deciden aprender unha lingua moderna, fronte aos 53 000 do informe anterior.
Fonte: Scotsman
A lingua de signos podería ser oficial en Suráfrica
Un comité do Parlamento de Suráfrica recomendou alterar a constitución para incorporar un novo idioma oficial: a lingua de signos. Con este cambio, o país africano pasaría a ter 12 linguas oficiais.
Fonte: BBC
Unha nova lei garante o uso das linguas inuit por parte da administración e as empresas privadas
En virtude das recentes modificacións da lei de protección das linguas inuit no territorio canadense de Nunavut, os organismos públicos e as empresas privadas teñen agora a obriga de ofrecer os seus servizos nunha das dúas linguas inuit.
Fonte: Radio Canada
Pecha un dos últimos xornais arxentinos editados en inglés
O xornal en lingua inglesa The Buenos Aires Herald, fundado por un emigrante escocés en Arxentina en 1876, pecha despois de 140 anos de impresión.
Crean un novo sitio web para aprender francés do Quebec
Un mozo bretón crea o sitio "J'apprends le québécois" para aprender a variedade francesa falada no Quebec en tan só 10 leccións.
Fonte: Le Figaro
A illa grega de Eubea agocha unha lingua asubiada que está a piques de desaparecer
Nunha pequena aldea ao sueste da illa grega de Eubea existe unha lingua asubiada que está a piques de desaparecer: só seis persoas poden usala no seu día a día.
Fonte: Observador
A poboación uigur de Xinjiang ten cada vez máis dificultades para expresarse libremente na súa lingua
As autoridades chinesas da rexión de Xinjiang prohibíronlle á poboación uigur, de relixión musulmá, falar a súa lingua nativa nas escolas.
Fonte: Independent
Preséntase por vez primeira unha tese doutoral en quechua
Unha descendente directa do pobo inca, a doutoranda Carmen Escalante, converteuse na primeira investigadora en defender a súa tese doutoral en quechua.
Fonte: El País Brasil
Un estudo mostra que case a metade dos turistas británicos sente vergoña por non poder falar linguas estranxeiras
Un estudo realizado polo British Council revelou que o 46 % dos turistas británicos sentiu vergoña por non poder comunicarse na lingua do país onde pasan as súas vacacións. Ademais, un 45 % dos entrevistados confesou que dá por feito que os cidadáns do país de visita saben falar inglés.
Fonte: ITV
Tel Aviv será a sede da academia de ladino proxectada para axudar a preservar esta lingua
A Real Academia Española creará unha academia dedicada ao estudo e a preservación do idioma xudeu-español, coñecido como ladino, falado na península ibérica no momento da expulsión española dos xudeus en 1492.
Fonte: Iton Gadol
Boletín
Subscríbase ao boletín