Asturias

O Goberno do Principado convoca uns premios literarios en asturiano e eonaviego

A Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Deporte convocou os premios literarios e artísticos que distinguen as mellores obras en asturiano e eonaviego en dez disciplinas. Os galardóns, destinados a promover o uso e a creación nas linguas propias do Principado, inclúen categorías como poesía, novela, ensaio, teatro, cómic, literatura infantil e xuvenil, música ou tradución.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Comeza en Asturias a rodaxe da primeira serie de ficción gravada en galego e en asturiano

Asturias acolle desde o 24 de febreiro a rodaxe de Coworkinaos, a primeira serie de ficción coproducida pola Televisión de Galicia e a Radiotelevisión do Principado de Asturias, e gravada en galego e en asturiano. A comedia segue as vivencias de seis persoas de distintas idades que comparten un espazo de teletraballo no rural, onde a convivencia dá pé a conflitos e situacións recoñecibles. O proxecto, no que participan intérpretes de ambas as comunidades, inscríbese na iniciativa “Asturias e Galicia crean ficción”, orientada a reforzar os vínculos culturais e lingüísticos e a impulsar o sector audiovisual nos dous territorios.

Fonte: Culturagalega

Asturias

Increméntase nun 34 % o número de estudantes que cursan asturiano e eonaviego no Principado

Máis de 30.000 estudantes cursan este ano asturiano e eonaviego en Asturias, o que supón un incremento do 34 % tras a súa incorporación á etapa de infantil. Na xornada do Día Internacional da Lingua Materna púxose en valor o compromiso do alumnado coa conservación da lingua propia e destacouse que aprender asturiano constitúe ao tempo unha expresión identitaria e unha oportunidade de futuro, capaz de reforzar o vínculo coa comunidade e ampliar horizontes culturais.

Fonte: RTPA

Asturias

Preséntase unha estratexia de normalización das linguas do Principado de Asturias

O presidente do Principado presentou a Estratexia de Normalización do Asturiano e do Eonaviego 2026-2030, un plan elaborado tras unha exhaustiva análise sociolingüística e cultural. A estratexia establece obxectivos e directrices para promover o uso das linguas propias e garantir os dereitos lingüísticos e culturais da cidadanía. Divídese en cinco grandes áreas: a Administración, a transmisión interxeracional, a cultura e o deporte, a economía e a sociedade, e a proxección internacional. Este proxecto inclúe avances importantes como a creación da Subdirección de Política Lingüística e a reforma estatutaria para recoñecer a oficialidade das linguas.

Fonte: Principado de Asturias

Asturias

O Goberno do Principado impulsa un programa cultural para poñer en valor a riqueza lingüística asturiana

O Goberno de Asturias conmemorará o Día Internacional da Lingua Materna cunha programación que se estenderá ata o 27 de febreiro, coa que pretende reforzar a protección e transmisión das linguas propias do Principado. O acto central celebrarase en Sotrondio baixo o lema «Toles nuestres voces», coa participación da comunidade educativa. A axenda inclúe propostas escénicas, musicais e formativas en varios concellos, ademais de recursos dixitais para os centros. A iniciativa, coordinada polas consellarías competentes en colaboración con entidades locais, busca salientar o valor social e cultural do asturiano.

Fonte: Principado de Asturias

Asturias

A Consellería de Cultura do Principado convoca axudas para promover o uso do asturiano e o eonaviego

O Goberno de Asturias aprobou dúas liñas de axudas, cunha dotación de 230.000 euros, para promover o uso do asturiano e do eonaviego en proxectos culturais e nos medios de comunicación. A primeira destínase a iniciativas empresariais e sen ánimo de lucro de interese social e lingüístico, mentres que a segunda apoia a produción de contidos informativos nestas linguas. As convocatorias valoran a calidade lingüística, a innovación, a perspectiva de xénero e a vinculación co medio rural.

Fonte: Principado de Asturias

Asturias

Xa está aberto o prazo de matrícula para un novo curso dos niveis B1-B2 de asturiano

A Academia da Lingua Asturiana abriu a inscrición nun novo curso de asturiano de nivel intermedio, axustado ao Marco Común Europeo de Referencia, que se desenvolverá entre febreiro e maio. A formación combinará sesións presenciais e traballo autónomo, cun enfoque comunicativo centrado no uso oral e escrito da lingua. O programa abranguerá contidos lingüísticos, literarios e sociolingüísticos, organizados en varios módulos.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Xa se coñece o resultado da votación popular para escoller a mellor noticia do ano para o asturiano

A incorporación do ensino regrado do asturiano e do eonaviego no segundo ciclo de Educación Infantil foi elixida como a mellor nova para a lingua asturiana en 2025. A iniciativa, apoiada maioritariamente pola cidadanía, supón un avance clave na transmisión xeracional do idioma. Empataron en segunda posición estoutras novas: o ensino do asturiano na Escola Oficial de Idiomas de Oviedo e a estrea dunha serie de debuxos animados na TPA dobrados a esta lingua.

Fonte: Iniciativa pol Asturianu

Asturias

Preséntanse alegacións á futura lei de cultura de Asturias pola exclusión do patrimonio lingüístico do Principado

Iniciativa pol Asturianu presentou alegacións á futura Lei de cultura e identidade do Principado de Asturias ao detectar carencias graves no tratamento das linguas propias. A entidade critica que o borrador ignore o asturiano e o eonaviego, tanto no contido como na lingua de redacción. Reclama vincular de maneira explícita lingua e cultura na norma e recoñecer o valor do patrimonio lingüístico.

Fonte: Iniciativa pol Asturianu

Asturias

Xa está aberta a votación para escoller a mellor noticia do ano 2025 para a lingua asturiana

Iniciativa pol Asturianu puxo en marcha unha nova edición da votación popular para escoller a mellor noticia a prol do asturiano do último ano, unha campaña activa desde 2013 para visibilizar avances a favor da lingua. A entidade destaca que a iniciativa permite facer balance do traballo realizado por diferentes colectivos e institucións e reforzar o compromiso social coa normalización lingüística.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder