Comunidade Valenciana

Seleccionado o Gabinete de Promoción do Valenciano de Sagunt como exemplo de boas prácticas en normalización lingüística

A Xarxa ImpliCat escolleu o Gabinete de Promoción do Valenciano do Concello de Sagunt como exemplo de boas prácticas en normalización lingüística municipal. O seu persoal técnico participará o 8 de maio na primeira Trobada ImpliCat para expoñer campañas orientadas a vincular a lingua coa identidade local e a crear novas persoas falantes. O recoñecemento salienta o traballo continuado do concello para facer do valenciano unha lingua viva, útil e presente na vida pública.

Fonte: Ajuntament de Sagunt

Comunidade Valenciana

A Universidade Politécnica de Valencia organiza cursos en liña para a preparación de probas de valenciano

A Universidade Politécnica de Valencia ofrece cursos MOOC gratuítos para preparar as probas de valenciano dos niveis B2, C1 e C2, abertos tanto á comunidade universitaria como ao público xeral. A formación inclúe módulos lingüísticos, exercicios autocorrixibles e unha proba final para facilitar a preparación autónoma das persoas participantes.

Fonte: Universitat Politècnica de València

Comunidade Valenciana

Unha campaña anima as familias de Ontinyent a escoller o valenciano na escola

O Concello de Ontinyent puxo en marcha a campaña «Quan et matricules tria valencià», unha iniciativa coa que pretende reforzar o apoio á lingua propia no proceso de escolarización. A acción procura animar as familias a optar polo valenciano como lingua base e, asemade, informalas sobre o funcionamento deste sistema nos centros educativos.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

O Concello de Sangunto convoca axudas para a normalización do valenciano

O Concello de Sagunto abriu a convocatoria anual de axudas para impulsar a normalización do valenciano, destinada a empresas e asociacións que promovan esta lingua. As entidades poderán presentar ata dous proxectos antes do 6 de maio, cun orzamento mínimo de 300 euros. As propostas deberán desenvolverse integramente en valenciano e poderán abranguer desde rotulación, publicidade e materiais impresos ata accións formativas, informativas ou de sensibilización.

Fonte: Ajuntament de Sagunt

Comunidade Valenciana

A Generalitat Valenciana elaborará unha enquisa coñecer a situación actual do uso do valenciano

A Generalitat Valenciana licitou un contrato de 245.000 euros para realizar unha enquisa sobre o coñecemento e uso do valenciano e doutras linguas, con máis de 8000 entrevistas en toda a comunidade. O estudo, incluído no Plan Valenciano de Estatística, permitirá obter datos actualizados sobre a situación sociolingüística e elaborar informes específicos para o conxunto do territorio e para a cidade de Valencia.

Fonte: Valencia Plaza

Comunidade Valenciana

A Deputación de Valencia convoca axudas para promover cursos de valenciano nos municipios da provincia

A Deputación de Valencia convocou axudas por valor de 104.000 euros para que concellos e entidades locais organicen cursos de valenciano dirixidos á cidadanía. A iniciativa, integrada no plan «La llengua del nostre poble», busca fomentar o coñecemento e o uso social da lingua no ámbito municipal e facilitar o acceso á aprendizaxe en todo o territorio.

Fonte: Valencia News

Comunidade Valenciana

A Generalitat Valenciana convoca un programa para reforzar a competencia comunicativa en valenciano do alumnado

A Consellería de Educación, Cultura e Universidades da Comunidade Valenciana convocou o programa de intercambio escolar Pont de Llengües para o curso 2025-2026, co obxectivo de mellorar a competencia comunicativa en valenciano e favorecer a cohesión lingüística entre centros con realidades sociolingüísticas distintas. A iniciativa diríxese a centros públicos non universitarios que deberán presentar proxectos conxuntos con actividades educativas e unha xornada de convivencia presencial. O programa conta cun orzamento de 100.000 euros e valorará especialmente o impacto na aprendizaxe da lingua, a inclusión e a participación de centros situados en áreas de predominio castelán.

Fonte: Generalitat Valenciana

Comunidade Valenciana

Entréganse o premios do concurso Apunts de Llengua dirixidos aos mellores videotitoriais sobre valenciano e inglés

A canle de televisión pública À Punt entregou os premios da primeira edición de Apunts de Llengua, un certame que recoñece os mellores videotitoriais sobre valenciano en dúas modalidades, unha centrada na explicación da lingua e outra na comparación co inglés. Ao concurso, aberto a profesorado e alumnado de distintos niveis educativos da Comunidade Valenciana, presentáronse 39 pezas audiovisuais.

Fonte: Valencia News

Comunidade Valenciana

O Concello de Alcoi organiza un espazo de debate sobre o futuro do valenciano

Alcoi converterase en epicentro da reflexión lingüística e cultural esta primavera co ciclo «Parlem de Llengua: Som i Serem», que se desenvolverá entre febreiro e maio. O evento reunirá escritores, mestres, músicos e cidadanía para analizar o presente e futuro do valenciano, combinando literatura, música, xogo e análise sociopolítica. A iniciativa busca fomentar a reflexión crítica e a participación ao redor da lingua e promover a súa identidade cultural como elemento de cohesión social. A programación, que inclúe desde debates ata concertos, contará coa implicación de diversas entidades culturais e educativas locais.

Fonte: Ajuntament d'Alcoi

Comunidade Valenciana

A Generalitat Valenciana convoca axudas para impulsar o uso do valenciano nos libros das Fallas

A Vicepresidencia Segunda da Generalitat Valenciana convoca axudas por importe de 300.000 euros para fomentar o uso do valenciano nos libros das Fallas, Magdalena, Fogueres e Moros i Cristians. As subvencións, distribuídas entre comisións e asociacións festivas, recoñecerán a calidade lingüística, a presenza da lingua propia e o orzamento das publicacións correspondentes a 2026. A medida pretende reforzar o valenciano como vehículo de expresión cultural en celebracións de gran relevancia patrimonial, algunhas delas recoñecidas pola Unesco.

Fonte: Castellón Plaza

Comunidade Valenciana

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder