País Vasco
O Concello de Vitoria-Gasteiz organiza unha campaña para promover o éuscaro no comercio e a hostalería

O Concello de Vitoria-Gasteiz puxo en marcha unha nova edición da campaña «Euskararekin aberats» para promover o uso do éuscaro no comercio, a hostalaría e as empresas de servizos. A iniciativa ofrece asesoramento lingüístico aos establecementos e desenvolverá actividades de dinamización durante outubro e novembro. O programa busca ampliar as oportunidades de atención e relación en éuscaro e recoñecer o compromiso de negocios locais coa promoción da lingua.
O Goberno vasco, a Deputación Foral de Bizkaia e a Fundación Labayru asinan un acordo para colaborar en materia lingüística
As tres institucións vascas estableceron un convenio marco de colaboración para apoiar programas de lexicografía e impulso do Corpus do éuscaro biscaíño. O acordo tamén recolle a formación de persoal investigador en lingüística e a cooperación con universidades e institucións académicas. A iniciativa dá continuidade a máis de dúas décadas de colaboración para a investigación, difusión e promoción da lingua e da cultura vascas.
Fonte: Diputación Foral de Bizkaia
Preséntase un dicionario trilingüe en éuscaro, árabe e bérber
A Deputación Foral de Áraba e o Consello de Euskalgintza de Aiaraldea presentan a metodoloxía ZUBI, orientada a facilitar o achegamento ao éuscaro de persoas con diferentes orixes lingüísticas e culturais. Entre os materiais desenvolvidos destaca un dicionario trilingüe en éuscaro, árabe e bérber, pensado para favorecer a comunicación cotiá e xerar un primeiro contacto positivo coa lingua. A iniciativa vincula a promoción do éuscaro coa interculturalidade e concibe a lingua como unha ferramenta para crear relacións e reforzar a convivencia.
Fonte: Norte Exprés
Publícase un dicionario de peto para achegar o éuscaro ás persoas estranxeiras

Alkarbide, co apoio da Deputación Foral de Bizkaia, publicou un dicionario práctico para facilitar o achegamento das persoas inmigrantes ao éuscaro. A publicación reúne vocabulario e expresións básicas en éuscaro e en once linguas, entre elas o galego, e organiza os contidos por temas da vida cotiá. O proxecto, no que participan oito municipios biscaíños, incorpora tanto éuscaro batua como variedades do éuscaro biscaíño.
Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia
O Concello de Lasarte-Oria aproba o novo marco estratéxico para a revitalización do éuscaro
O Concello de Lasarte-Oria aprobou AROA 2026-2030, o novo marco estratéxico para a revitalización do éuscaro, que reúne 28 actuacións en cinco eixes: gobernanza, actitudes e motivación, coñecemento e capacitación, uso e interacción, e investigación e análise. O plan parte dun diagnóstico e dun proceso participativo e busca reducir a distancia entre o coñecemento da lingua e o seu uso habitual. As medidas abranguen ámbitos como a educación, as familias, o deporte, a cultura, o comercio, a hostalaría, o lecer e a Administración municipal.
Fonte: Ayuntamiento de Lasarte-Oria
O Concello de Legazpi pon en marcha un programa co que crear oportunidades para falar éuscaro
O programa Mintzalagun volve a Legazpi para ofrecerlle á cidadanía espazos informais nos que practicar o éuscaro e gañar confianza no seu uso cotián. A iniciativa reúne en pequenos grupos persoas que queren mellorar a súa expresión oral con falantes habituais, sen clases nin exames, mediante conversas e actividades de lecer. Nesta edición faise un chamamento especial á participación da mocidade.
Fonte: Legazpi Udala
A Mancomunidade de Uribe Kosta organiza unha campaña para impulsar o uso do éuscaro entre a cidadanía

A Mancomunidade de Uribe Kosta puxo en marcha unha campaña para fomentar que a cidadanía empregue o éuscaro nas súas relacións coa Administración. A iniciativa, que se desenvolverá mediante carteis nos espazos municipais de Barrika, Gorliz, Lemoiz, Plentzia, Sopela e Urduliz, anima a iniciar e manter as interaccións en éuscaro. A campaña busca ampliar as oportunidades de uso da lingua e reforzar a súa normalización no ámbito administrativo.
Fonte: Mancomunidad de Uribe Kosta
Beasain comparte a súa experiencia de normalización do éuscaro con representantes de dez comunidades lingüísticas
O Concello de Beasain recibiu once activistas de dez comunidades lingüísticas participantes no programa internacional Aditu, coordinado pola asociación Garabide. Durante o encontro coñeceron as políticas municipais de promoción do éuscaro e intercambiaron experiencias sobre revitalización de linguas minorizadas. O Concello explicou que destina o 5,32 % do seu orzamento á política lingüística e que desenvolve actuacións específicas para favorecer o uso do éuscaro fóra do ámbito educativo.
Fonte: Besaingo Udala
Un encontro de empresas arabesas analiza as claves para incrementar a presenza do éuscaro na súa comunicación externa
As empresas arabesas analizaron estratexias para reforzar o uso do éuscaro na comunicación externa durante a primeira sesión de 2026 de Enpresen Foroa-Araban Euskara Lanean. O encontro permitiu compartir boas prácticas, avaliar a presenza da lingua nas comunicacións corporativas e identificar ámbitos de mellora. A iniciativa busca consolidar a xestión lingüística no tecido empresarial mediante a cooperación entre empresas e institucións.
Fonte: Diputación Foral de Álava
Bermeo ofrece axudas para aprender éuscaro e obter o permiso de conducir nesta lingua
O Concello de Bermeo abriu unha nova convocatoria de axudas para fomentar a aprendizaxe do éuscaro e o seu uso na obtención do permiso de conducir. As subvencións para cursos poderán chegar aos 300 euros por formación e aos 500 euros no caso de realizar varias, mentres que superar o exame teórico do permiso B en éuscaro dará dereito a unha axuda de 150 euros.
Fonte: Radio Popular
Boletín
Subscríbase ao boletín