Cataluña
Granollers acolle unha iniciativa de fomento do comercio local e do uso do catalán

Ata o 5 de novembro a poboación de Granollers poderá participar nun concurso que pretende fomentar, ao mesmo tempo, o comercio de barrio e o uso do catalán, así como dar a coñecer vocabulario específico de diferentes tipos de tendas.
Fonte: Revista Digital del Vallès
A Generalitat de Cataluña pon en marcha unha nova campaña para impulsar o Voluntariado pola Lingua

O Voluntariado pola Lingua, un programa que busca mellorar o dominio do uso oral do catalán, inicia unha nova tempada de actividades no marco dunha campaña que ten como lema “Quan parles fas màgia” e cuxo obxectivo é incidir na transformación persoal que supón para aprendices e voluntarios practicar xuntos este idioma.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Segundo unha enquisa, o Val de Arán é a zona onde máis se usa o occitano de todo o seu dominio lingüístico

Segundo unha enquisa realizada pola Oficina Pública da Lingua Occitana, o Val de Arán é a zona do seu dominio lingüístico na que presenta mellor situación, xa que é onde máis se coñece e máis se fala.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Un estudo liderado por dúas universidades catalás conclúe que falar activamente dúas linguas protexe da deterioración cognitiva

Co gallo da celebración do Día Mundial do Alzhéimer, a revista Neuropsychologia publicou unha investigación, centrada na poboación de Barcelona e a súa área metropolitana, que conclúe que falar dúas linguas de forma activa durante toda a vida protexe da deterioración cognitiva.
Fonte: Praza Pública
A Ruta do Dicionario catalán-valenciano-balear intégrase no proxecto Camins del català

A Ruta do Dicionario catalán-valenciano-balear intégrase no proxecto Camins del català, unha proposta de itinerarios para coñecer e apreciar a lingua catalá no seu contexto territorial. Esta ruta repasa os 381 municipios e lugares que percorreu o filólogo Antoni M. Alcover cos seus colaboradores para recoller palabras e expresións das diferentes variantes dialectais dos territorios onde se fala este idioma.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O número de obras que se presenta á primeira edición do Premio Ara de Cómic en Catalán alcanza as 162

O Premio Ara de Cómic en Catalán, convocado polo diario Ara en colaboración con Norma Editorial e o apoio da Generalitat de Cataluña, ten como obxectivo promover o uso desta lingua no ámbito do cómic adulto e nos novos xéneros de non-ficción. Optarán á primeira edición deste galardón un total de 162 obras de gran diversidade de rexistros, temas e estilos.
Fonte: La Vanguardia
Celébrase a edición número 38 da Semana do Libro en Catalán

A programación da Semana do Libro en Catalán inclúe actividades como presentacións, conversas, lectura de poemas etc. que teñen como obxectivo impulsar e promover a lectura nesta lingua, así como fomentar e difundir a lingua de signos catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Publícase unha nova gramática do aranés

O Instituto de Estudos Araneses, autoridade lingüística sobre a variante aranesa da lingua occitana do Arán, publicou unha nova gramática froito de máis de catro anos de traballo.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Piden que se recoñeza a oficialidade do catalán na Unión Europea

ERC rexistrou unha iniciativa no Congreso para demandar que o catalán se recoñeza como lingua oficial na Unión Europea e se incorpore ás súas institucións. Entre os motivos, citan o recoñecemento do multilingüismo que inspira a política da UE, os máis de dez millóns de falantes deste idioma (repartidos por catro estados), a súa situación sociolingüística, a súa importante tradición literaria e cultural...
Fonte: La Vanguardia
Softcatalà lanza un novo tradutor automático neuronal catalán-inglés e inglés-catalán

O novo tradutor automático, baseado en tecnoloxía de redes neuronais, ten dúas vantaxes respecto ao actual, que funciona en base a regras predefinidas: unha maior calidade das traducións e a posibilidade de traducir arquivos grandes.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín