País Vasco
O Concello de Bilbao pon en marcha unha nova edición do programa de lecer en éuscaro «Ikusi eta Ikasi»

O programa «Ikusi eta Ikasi», que fai 21 anos, inclúe 60 actividades de ocio familiar en éuscaro destinadas a menores de 2 a 11 anos que chegarán aos diferentes distritos da cidade nos meses de febreiro e marzo.
Fonte: Ayuntamiento de Bilbao
Un xulgado considera discriminatorio que se esixa o coñecemento do éuscaro para ser policía local
O xulgado contencioso administrativo n.º 3 de Donostia anulou por consideralas discriminatorias as bases dunha convocatoria para dúas prazas de policía municipal na cidade porque se esixía o coñecemento do éuscaro, en concreto, un perfil B2 desta lingua.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno vasco organiza un congreso que o axude a incrementar o uso do éuscaro no ámbito laboral

Baixo o título «Languages Lanean», este congreso, que se celebrará os días 18 e 19 de xaneiro en Bilbao, abordará a xestión lingüística no mundo laboral para coñecer experiencias que axuden ao incremento no uso do éuscaro neste ámbito.
Fonte: Deia
Un estudo analiza a influencia do contexto social e ideolóxico no éuscaro
Naroa Anabirtate é a autora do traballo Things that are (said) and things that are not: A brief look at the ideological context of the Basque lenguage, no que analiza a importancia dos contextos ideolóxicos na evolución do éuscaro.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
O cumprimento do perfil lingüístico no Servizo Vasco de Saúde non será obrigatorio para o persoal sanitario extracomunitario
O persoal médico e de enfermería extracomunitario que desexe acceder ao Servizo Vasco de Saúde poderá facelo sen cumprir o perfil lingüístico, aínda que o coñecemento do éuscaro si será obrigatorio para quen acceda a través dunha Oferta Pública de Emprego.
Fonte: Redacción Médica
O Concello de Amezketa convoca subvencións para a veciñanza que decida aprender éuscaro
O consistorio entregaralles as subvencións directamente ás persoas que estuden éuscaro, para que paguen a matrícula. Para optar a estas axudas, deben ser maiores de idade; ter un nivel mínimo de asistencia do 75 % nos niveis A1, A2, B1, B2 e do 80 % no nivel C1; e matricularse nun centro recoñecido por Habe.
Fonte: El Diario Vasco
A Deputación Foral de Biscaia convoca subvencións para o fomento do éuscaro en diferentes ámbitos
A institución foral destinará 1 470 000 euros para impulsar o éuscaro durante 2024 en tres áreas clave: fomento da lingua, edición de publicacións periódicas e desenvolvemento de produtos dixitais.
Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia
O Goberno do País Vasco está a analizar a eficacia da dobraxe automática de contidos ao éuscaro por medio da IA
Telefónica Servizos Audiovisuais (TSA) e a Sociedade Informática do Goberno Vasco (EJIE, polas súas siglas en éuscaro) anunciaron que se están a realizar probas para avaliar a viabilidade de usar a dobraxe automática de contidos audiovisuais empregando a intelixencia artificial.
Fonte: Panorama Auodivisual
O Goberno vasco financiará un programa para promover o consumo audiovisual en éuscaro entre a poboación infantil
O programa «Euskara Zinema Aretoetara», que recibirá do Goberno unha subvención de 45 000 euros, busca promover o consumo audiovisual en éuscaro entre a poboación infantil dos centros educativos vascos e a elaboración de material didáctico específico.
Fonte: Gobierno Vasco
Só 17 dos 248 xuíces que hai no País Vasco teñen capacidade de celebrar un xuízo en éuscaro
Só 17 dos 284 xuíces que hai no País Vasco contan co perfil lingüístico axeitado para celebrar un xuízo oral en éuscaro. Esta é unha das conclusións dunha xornada organizada pola Fundación Sabino Arana sobre o emprego desta lingua na Administración de Xustiza.
Fonte: Deia
Boletín
Subscríbase ao boletín