Destacada

A lingua galega afianza o seu uso entre a mocidade, segundo se desprende do informe Xuventude Galega 2010

O 38,6% da mocidade de Galicia de entre 15 e 29 anos afirma utilizar a lingua galega, segundo se desprende do informe Xuventude Galega 2010, que vén de presentar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

Fonte: Xunta de Galicia

A nova versión do navegador de Mozilla, o Firefox 6, tamén está dispoñible en galego

Aínda que leva uns días dispoñible para a súa descarga, finalmente faise oficial o Firefox 6, nova versión do navegador de Mozilla que nesta ocasión incorpora funcionalidades como destacar o nome do dominio das páxinas web que visitamos, dificultar a suplantación de páxinas web e corrixir fallos detectados, mellorar distintas prestacións e incorporar novas versións dos estándares soportados. Por suposto, tamén está dispoñible en galego.

Fonte: Código Cero

Os colectivos sindicais e a Xunta de Galicia unen esforzos para favorecer o uso do galego no ámbito laboral

A Xunta de Galicia e os colectivos sindicais unen esforzos co obxectivo común de fomentar o uso da lingua galega no ámbito laboral, así como na actividade interna destas entidades e na súa relación coa cidadanía.

Fonte: Xunta de Galicia

Un novo dicionario en liña propón un modelo de pronuncia estándar para 60.000 formas do léxico común galego

O Dicionario de pronuncia da lingua galega xa está dispoñible na rede para consulta aberta de todos os usuarios e usuarias de internet. A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribuíu á realización desta ferramenta en liña que propón un modelo de pronuncia estándar para o galego.

Fonte: Xunta de Galicia

Galicia proxecta no mundo a súa lingua e a súa cultura a través do Festival dos Pobos Minoritarios do Val de Aosta

Entre o 8 e o 10 de setembro terá lugar na rexión autónoma do Val de Aosta (Italia) o Festival dos Pobos Minoritarios, ao que Galicia levará a súa lingua e a súa cultura como convidada de honra, xunto con Sardeña e Quebec. O Goberno autónomo do Val de Aosta promove a terceira edición desta iniciativa, que naceu co obxectivo de favorecer o respecto, a defensa e o recoñecemento das linguas minoritarias, así como a convivencia e o intercambio cultural.

Fonte: Xunta de Galicia

A Xunta e as universidades de Galicia planifican as actuacións de fomento do uso do galego no ámbito universitario

A Xunta de Galicia e as tres universidades galegas comezaron a planificación de novas medidas que permitan ampliar a presenza do galego no ámbito universitario. Fixérono na reunión da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística que tivo lugar en Vigo.

Fonte: Xunta de Galicia

Europa celebra o seu Día das Linguas o 26 de setembro por décimo ano consecutivo

Desde 2001 o Día Europeo das Linguas celébrase cada 26 de setembro e neste ano cúmprense dez desde a súa institucionalización. Europa posúe un tesouro lingüístico que cómpre manter: ademais das 23 linguas oficiais da UE, súmanse os idiomas de máis de 60 comunidades territoriais ou minoritarias, así como as linguas dos cidadáns orixinarios doutros países e continentes.

Fonte: Xunta de Galicia

Nace o Observatorio Europeo das Linguas

O proxecto sobre multilingüismo e política lingüística cofinanciado pola UE presentou a súa páxina web, www.poliglotti4.eu, que será o punto de referencia en liña para o multilingüismo en Europa e a base para un observatorio de multilingüismo que recompilará e difundirá boas prácticas no ámbito da política lingüística e a aprendizaxe de idiomas.

O observatorio de multilingüismo en liña recompilará e mostrará información sobre:

- factores de motivación, obxectivos e a práctica do multilingüismo en varios sectores da sociedade civil;

- mellores prácticas no desenvolvemento e a execución da política de multilingüismo;

- ferramentas para o multilingüismo.

Fonte: Linguamón

Xa está aberta a inscrición para o congreso “As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: Presente e Futuro”

O prazo para inscribirse no congreso "As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: Presente e Futuro" xa está aberto. As persoas interesadas en asistir a este acto, que terá lugar entre os días 21 e 22 de outubro na capital galega, deben cubrir cos seus datos persoais o formulario de inscrición que atoparán na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou no sitio web http://www.santiagolanguages.com/gl/congreso. A inscrición é gratuíta.

Fonte: Xunta de Galicia

En 2010 publicáronse 2544 títulos en galego, o que representa un aumento fronte aos 2121 de 2009

Segundo o Ministerio de Cultura, o número de títulos que saíu en galego en 2010 foi de 2544, fronte aos 2121 de 2009. Canda a isto increméntase tamén o número de editoriais das que ten constancia este Ministerio en Galicia, cun total de 164 este ano fronte ás 157 do pasado.

Fonte: Culturagalega.org

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder