Destacada
Galicia mira cara ao mundo lusófono para usar o galego como potencial económico

Galicia inicia o camiño para a recuperación dos lazos co mundo da lusofonía e empregar o galego e as súas raíces comúns co portugués como potencial económico, non só co país veciño, senón coas potencias emerxentes, como é Brasil.
Fonte: Galicia Hoxe
Unhas 300 sinaturas apoian a proposta para que os estudos galegos conten cunha sección propia na Modern Language Association

Arredor de 300 sinaturas apoian a proposta para que os estudos galegos conten cunha sección propia e un grupo de debate na Modern Language Association. Profesores, catedráticos, decanos e mesmo reitores de universidades como Berkeley, Yale ou Columbia enviaron o seu apoio.
Fonte: Galicia Confidencial
A Xunta convida a todos os grupos parlamentarios a iniciar un diálogo para consensuar unha política común arredor da lingua

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dirixiuse por escrito a todos os grupos con representación no Parlamento de Galicia convidándoos a iniciar un proceso de diálogo para a vertebración dunha política común arredor da lingua galega.
Fonte: Xunta de Galicia
Valentín García achégase ao estudantado londiniense de lingua, literatura e cultura galegas que cursa no Vicente Cañada Blanch

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, visitou o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, no marco da viaxe oficial que está a realizar no Reino Unido para achegarse a centros do exterior nos que se imparte docencia da lingua, literatura e cultura propias de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia
Cultura e Educación convoca oito prazas en lectorados de galego de España, Alemaña, Reino Unido e Polonia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocou oito prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en España, Alemaña, Reino Unido e Polonia.
Fonte: Xunta de Galicia
Apróbase o dominio .gal para a lingua e a cultura galegas

Máis de 12 000 apoios cidadáns. Máis de 110 entidades adheridas. Máis de sete anos de traballo. O alento sostido das principais entidades e institucións galegas. O apoio decidido da Administración autonómica ao longo do tempo. Todo isto foi necesario para que a ICANN, organismo que goberna a rede, aprobase o dominio para a lingua e a cultura galegas, o .gal.
Fonte: Asociación PuntoGal
Xesús Vázquez salienta o labor de Neira Vilas na promoción da literatura e do libro galego máis aló das nosas fronteiras

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou a “quixotesca tarefa da promoción da literatura e do libro galegos na Arxentina a través da editorial Follas Novas” de Xosé Neira Vilas na XI Forxa Literaria da Solaina do Piloño, en Vila de Cruces. Nesta undécima edición, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, A Forxa rende homenaxe a este autor, ao que Vázquez Abad se referiu coma unha “figura humana e literaria incomparable”. A este acto de inauguración tamén asistiron a presidenta da Fundación, Carmen Lareo, e o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela.
Fonte: Xunta de Galicia
O centro elixirá a lingua predominante na aula en función de tres factores

Varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anularon dous dos artigos do decreto do plurilingüismo, polo que a Consellería de Educación tivo que adaptar esta norma para o próximo curso. O principal cambio é que a lingua predominante que se utilizará na aula na etapa de infantil non a determinará o colexio en función da consulta aos pais que se fai ao comezo deste período educativo, senón que o centro decidirá tomando como criterio tres factores: a pregunta aos pais, a realidade sociolingüística da contorna e a garantía da presenza das dúas linguas cooficiais, galego e castelán.
Fonte: La Voz de Galicia
Ponse en marcha un novo medio dixital en galego, o Xornal Dixital de Muros e Noia

Acaba de poñerse en marcha un novo medio dixital galego e en galego, o Xornal Dixital de Muros e Noia, que pretende achegar cobertura comarcal aos concellos que abeiran a ría do mesmo nome, dende Muros a Porto do Son pasando por Outes, Mazaricos, Lousame e Noia.
Fonte: Código Cero
A Xunta inicia unha nova edición do programa de dinamización lingüística O galego campa! que percorrerá os campamentos xuvenís

A Xunta de Galicia iniciou unha nova edición do programa de dinamización lingüística O galego campa! que se desenvolve cada verán nos campamentos xuvenís co obxectivo de promover o uso do idioma galego entre a mocidade.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín