España
Orio contará cunha nova ordenanza de terrazas que inclúe por primeira vez unha norma relativa ao éuscaro
O Concello de Orio elaborou unha nova ordenanza de terrazas que regula a ocupación da vía pública. A novidade é que, por primeira vez, estable unha serie de obrigas para a hostalería relativas ao uso do éuscaro, de maneira que todos os elementos que estean á vista do público deberán estar redactados nesta lingua.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Bilbao acolle un programa de actividades de fomento do éuscaro para menores de 4 a 10 anos
O Concello de Bilbao organiza, en colaboración con Euskaltzaleen Topagune, un programa de actividades que ten como obxectivo fomentar o uso do éuscaro nas actividades de lecer entre as nenas e nenos de 4 a 10 anos e as súas familias.
Fonte: Deia
Concello e Deputación de Valencia colaborarán para fomentar o uso do valenciano
Ambas as institucións estudarán mecanismos de colaboración para organizar campañas e desenvolver proxectos de difusión e normalización do uso do valenciano. Un exemplo é a campaña «Creixent al caliu», destinada a fomentar esta lingua entre o alumnado das escolas infantís municipais.
Fonte: Levante-EMV
Inaugúrase en Donostia o primeiro centro educativo vasco cun modelo de inmersión éuscaro-francés
O Larrun é o primeiro centro educativo transfronteirizo do País Vasco. Conta cun modelo de inmersión en éuscaro e francés do que se beneficiarán 75 alumnos de educación infantil.
Fonte: Noticias de Álava
O Basque Center of Cognition, Brain and Language realiza un estudo sobre como a ortografía afecta á percepción dunha lingua nas persoas bilingües
Este centro donostiarra de investigación realizou un estudo que conclúe que a ortografía afecta á forma de percibir unha lingua por parte de persoas bilingües, mesmo se os falantes adquiriron un código lingüístico durante a infancia.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
O Goberno de Navarra lanza unha campaña para promover a aprendizaxe do éuscaro entre a poboación infantil

A campaña «Regálalles o éuscaro e chegarán moi alto / Euskararekin, gora eta gora beti!», que se desenvolverá na segunda quincena de xaneiro, ten como obxectivo crear un contexto favorable ao éuscaro e á súa aprendizaxe e está dirixida ás familias navarras con fillas e fillos menores.
Fonte: Gobierno de Navarra
Convócase a quinta edición do Premio Espiello Agora x l’aragonés que busca o mellor audiovisual en lingua aragonesa
O Goberno de Aragón e a Comarca de Sobrarbe convocan un ano máis o Premio Espiello Agora x l’aragonés que conta con dúas categorías, unha xeral e outra escolar, que recoñecen os mellores audiovisuais en aragonés do 2021.
Fonte: El Periódico de Aragón
O Goberno catalán presenta o Pacto Nacional pola Lingua

O Pacto Nacional pola Lingua é un acordo que vai marcar as futuras políticas lingüísticas en Cataluña. Busca establecer un diagnóstico común sobre o estado do catalán que facilite o traballo conxunto das institucións, os grupos políticos e a sociedade co obxectivo de aumentar o seu uso e coñecemento.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Preséntase CatVers, o metaverso para impulsar a lingua e a cultura catalás

A Generalitat e a Cámara de Comercio de Barcelona presentaron CatVers, o metaverso catalán desenvolvido polo Centro Blockchain. Trátase dun espazo dixital inmersivo aberto no que se levarán a cabo actividades para promover a lingua e a cultura catalás.
Fonte: La Vanguardia
O Consello Social da Lingua Catalá fará un seguimento da aplicación das súas recomendacións
Na sesión plenaria deste órgano aprobáronse os documentos elaborados polo Relatorio de Actitudes Lingüísticas e polo Relatorio de Revisión. Así mesmo, aprobouse unha declaración institucional para que os poderes públicos asuman a normalización do catalán como un compromiso prioritario.
Fonte: Govern Illes Balears
Boletín
Subscríbase ao boletín