España
A Coordinadora para o Valenciano no Ensino Universitario impulsa unha iniciativa para recoller propostas relacionadas con esta lingua
Esta entidade porá a disposición da comunidade educativa da Universidade de Valencia unha caixa para que inclúan suxestións e propostas de mellora sobre o valenciano, co obxectivo de asegurar o respecto aos dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria.
Fonte: València Extra
Preséntase en Euskadi o primeiro tradutor automático neuronal éuscaro-castelán

Este proxecto do Goberno Vasco ten capacidade para traducir, a partir da intelixencia artificial, textos de ata 4000 caracteres con gran calidade e permite dispor dunha base terminolóxica e lingüística comparable á das linguas máis usadas do mundo.
Fonte: La Vanguardia
A iniciativa Errigora presenta en Tafalla unha campaña para o impulso do éuscaro
Esta campaña, que se leva facendo desde hai seis anos, busca promover o uso do éuscaro na zona media e sur de Navarra e reforzar contornos como as ikastolas e os euskaltegis.
Fonte: Noticias de Navarra
O Concello de Barakaldo inicia un programa para impulsar o éuscaro entre cativos de 1 e 2 anos
Esta iniciativa ten como obxectivo promover o éuscaro a través da música e está articulada co resto de actividades culturais do concello, que buscan achegar estes proxectos a persoas de todas as idades.
Fonte: En Barakaldo
O Catálogo de Actividades Culturais de Mallorca inclúe este ano talleres de rap en catalán

O catálogo presentado para este curso académico inclúe diversos proxectos para fomentar a integración lingüística, entre os que se atopan os talleres de rap en catalán, cursos de teatro, exposicións ou rutas culturais.
Fonte: Mallorca Confidencial
A Consellería de Educación propón que os aspirantes ás oposicións para docentes deben certificar o nivel C1 de valenciano
Esta proposta suporía que as persoas aspirantes á docencia deberían acreditar o nivel C1 de valenciano e ten como obxectivo actualizar a normativa, vixente dende hai 36 anos, e adaptar o seu contido á realidade multilingüe da comunidade.
Fonte: El Periòdic
A Sociedade de Amigos do País organiza unha mesa redonda para debater sobre a cooficialidade do asturiano
A cooficialidade do asturiano será obxecto de debate no Centro de Servizos Universitarios de Avilés, onde a Sociedade de Amigos do País organiza unha mesa redonda sobre este tema na que participarán persoas de diferentes ámbitos.
Fonte: La Nueva España
Fala Ceibe denuncia a inexistencia dunha versión en galego da web do Consello Comarcal do Bierzo
Hai máis dun ano que Fala Ceibe presentou unha queixa pola inexistencia dunha versión en galego da web do Consello Comarcal do Bierzo, que a día de hoxe segue sen existir, o que incumpre o fixado en materia lingüística no Estatuto de Autonomía de Castela e León.
Fonte: León Noticias
A Real Academia Española aproba a constitución da Academia Nacional do Xudeoespañol
O Pleno da RAE aprobou por unanimidade constituír esta Academia Nacional do Xudeoespañol en Israel, como culminación dun longo proceso de recoñecemento histórico, lingüístico e cultural.
Fonte: RAE
Denuncian a revogación de Huesca como zona de utilización predominante da lingua aragonesa
O Consello d'a Fabla Aragonesa denunciou nun comunicado a revogación do acordo polo que Huesca se incluía na zona de utilización predominante do aragonés e instan o Concello a acatar o Estatuto de Autonomía de Aragón no que se di que esta lingua será obxecto de especial respecto e protección.
Fonte: Radio Huesca
Boletín
Subscríbase ao boletín