España
A Universidade de Zaragoza autoriza a mención en lingua aragonesa nos graos de Maxisterio
A última modificación dos plans de estudos de Maxisterio de Educación Infantil e Primaria inclúe a autorización da mención en lingua aragonesa para ambos os graos, que serán impartidos na Facultade de Educación de Huesca.
Fonte: Lenguas de Aragón
O asturiano volverá estar presente na Feira de Mostras de Asturias
O posto de Iniciativa polo Asturiano contará este ano coa presenza de 14 empresas, o que supón o dobre de participación respecto ao ano anterior. Todas elas empregan o asturiano para a promoción dos seus produtos e aproveitarán a magnitude deste evento, polo que se espera pasen máis de 700 000 persoas, para dalos a coñecer.
Fonte: Asturies.com
A Wikipedia en asturiano celebra os seus 15 anos e xa supera os 99 000 artigos
A Wikipedia en asturiano foi inaugurada en 2004, e rapidamente acadou o posto número 84 en importancia. Actualmente, atópase no posto 63, co que se sitúa como unha das linguas minorizadas con maior presenza nesta enciclopedia libre.
Fonte: Asturies.com
Publícase un novo libro de fotografía en lingua de signos catalá
O libro contén vocabulario e conceptos básicos sobre fotografía, todos eles acompañados de imaxes e debuxos. Ademais, moitos dos termos incorporan tamén a posibilidade de visualizalos a través de vídeos en liña.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña impulsa un ano máis o Plan Ofercat de promoción do catalán na empresa e no comercio

O Plan Ofercat de estudo e acción de promoción dos usos lingüísticos chegará este outono a 4525 comercios de 10 cidades de Cataluña. O obxectivo desta iniciativa é coñecer a oferta lingüística destes establecementos comerciais e poñer en marcha neles accións de fomento do catalán.
Fonte: La Vanguardia
Un total de 116 coidadoras/es de residencias de Guipúscoa recibe o certificado B2 de éuscaro
O Goberno vasco entregoulles a 116 coidadoras/as de residencias o certificado do nivel B2 de éuscaro co obxectivo de que as persoas usuarias destes servizos poidan recibir atención nesta lingua.
Fonte: El Diario Vasco
Impúlsanse novas medidas dirixidas ao comercio local para estender o emprego do catalán no contorno dixital
O Consorcio para a Normalización Lingüística (CPNL) e a Fundación puntCAT asinaron un convenio de colaboración para impulsar o uso do catalán en contornos dixitais nos ámbitos empresarial e do comercio local.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Aragonario alcanza as 17 808 palabras e incorpora variedades dialectais

Aragonario, o dicionario en liña para a tradución de castelán a aragonés, acaba de duplicar o número de entradas, que xa están próximas ás 18 000. Ademais, daralles cabida ás variedades dialectais, comezando polo benasqués, para, paulatinamente, ir incorporando outras.
Fonte: El Periódico de Aragón
Publícase en Baleares unha edición en mallorquino da obra "O Principiño"
Esta obra foi editada e publicada pola Fundación Jaume III baixo a denominación Es Petit Príncep, logo da iniciativa particular do editor catalán Jaume Arbonés. A encargada da tradución foi a filóloga Sandra Amoraga Carrera.
Fonte: ABC
Celébrase un acto conmemorativo polos cincuenta anos de presenza do occitano no audiovisual
A conmemoración celebrouse no concello barcelonés de Arenys de Mar coa colaboración do Círculo Occitano e da Concellería de Cultura. Tamén participou o director do Centro Interrexional de Desenvolvemento do Occitano.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín