España

Un milleiro de persoas acoden a celebrar a xornada da Mocidade de Mallorca pola Lingua

Arredor dun milleiro de persoas asistiron ao 25 aniversario da Mocidade de Mallorca pola Lingua. Trátase dun evento onde actúan diversos grupos de música en catalán e se le un manifesto de reivindicación polo uso da lingua propia.  

Fonte: Mallorca Diario

Illas Baleares

O Goberno Vasco destinará 400 000 euros a impulsar o éuscaro no País Vasco francés

O Goberno Vasco achegará a cantidade de 400 000 euros ao fomento do éuscaro no País Vasco francés. Esta cifra sumarase ao millón e medio de euros que achegará tamén a Oficina Pública da Lingua Vasca de Iparralde. Este fondo común será empregado para impulsar a ensinanza do idioma, o labor dos euskaltegis, os medios de comunicación en éuscaro ou proxectos de lecer vinculados a esta lingua. 

Fonte: Diario Vasco

País Vasco

Palma de Mallorca facilitará a aprendizaxe de catalán a policías e gardas civís que sexan destinados á cidade

O Concello de Palma de Mallorca ofrecerá cursos de catalán a policías nacionais e gardas civís que sexan destinados á cidade. Deste xeito, buscan garantir a seguridade lingüística, así como cumprir o exposto na Lei orgánica 11/2007 que regula os dereitos e deberes da Garda Civil.

Fonte: Última Hora

Illas Baleares

O Concello de Pamplona organiza un concurso literario en éuscaro

O concurso divídese en tres categorías: poesía, narración e bertso-paperak (bertsolarismo), e está dirixido a autores e autoras noveis. En total, este certame repartirá 13 000 euros en premios. 

Fonte: Noticias de Navarra

Navarra

A Real Academia da Lingua Vasca edita un dicionario histórico-etimolóxico para coñecer a orixe do éuscaro

Lévase completando dende 2009 e conta con 2600 entradas polo momento e máis de 200 familias de palabras. Neste dicionario detállase a orixe das palabras e, nun futuro, está previsto que estea dispoñible tamén en formato dixital. 

Fonte: El País

País Vasco

Un xogo para o móbil medirá o coñecemento de vocabulario das persoas que falan catalán

Este xogo foi creado polo Grupo de Investigación en Psicolingüística da Universidade Rovilla i Virgili. Trátase dunha aplicación móbil que presenta palabras reais e inventadas entre as que a persoa que xoga debe descifrar se existen ou non.

Fonte: Diari Més

Cataluña

A plataforma de reserva de rutas turísticas en catalán Guies.cat recibe un galardón pola súa calidade lingüística

Unha asociación de empresarios de Cataluña decidiu galardoar co Recoñecemento á Calidade Lingüística Empresarial á plataforma Guies.cat, que ofrece rutas turísticas en lingua catalá por diferentes cidades do mundo.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña xestionará unha conta de Twitter exclusivamente en occitano

O encargado da xestión directa de @occitan_aranes será o Departamento de Cultura da Generalitat, co obxectivo de reforzar o uso institucional desta lingua. Concretamente, difundiranse contidos de interese para a comunidade do Vall D’Aran, así como efemérides, recursos lingüísticos e premios. Ademais, durante este ano o perfil atenderá especialmente ás novas sobre o finado lingüista e historiador Robèrt Lafont, polo décimo aniversario da súa morte.

Fonte: La Vanguardia

Cataluña

Preséntase a versión signada da Lei de lingua de signos catalá

Durante a celebración do 40 aniversario da Federación de Persoas Xordas de Cataluña, o Goberno catalán recoñeceu o seu labor no impulso do recoñecemento da lingua de signos catalá. Tamén agradeceu a súa implicación en proxectos de normalización, como o de definición dos diferentes niveis en lingua de signos de Cataluña segundo o marco europeo de referencia.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O Goberno balear abre o prazo de solicitude das axudas á edición en catalán de prensa escrita

A Consellería de Cultura, Participación e Deportes balear abre unha nova convocatoria de subvencións dirixidas a empresas e entidades sen ánimo de lucro que teñen como actividade a edición de publicacións de carácter periodístico. A finalidade destas axudas, 275 000 euros en total, é apoiar proxectos de prensa diaria escrita, total ou parcialmente, en catalán.

Fonte: 20 minutos

Illas Baleares

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder