España
O InformeCAT 2019 presenta os principais resultados sobre a situación da lingua catalá en Cataluña, Comunidade Valenciana e Baleares
O informe anual de Plataforma per la Llengua conclúe que os ámbitos nos que se constata unha peor situación para a lingua catalá son o cine e a xustiza. Nesta última, só 2 de cada 10 falantes se expresan neste idioma con seguridade ante un xuíz. Tamén na escola, onde só o 14,6% das conversas entre o alumnado de secundaria son en catalá.
Fonte: La Vanguardia
O Viccionari incorpora 1000 novos termos do vocabulario básico da lingua de signos catalá

Trátase do primeiro dicionario en liña que recolle o léxico da lingua de signos catalá. É un proxecto divulgativo en continuo desenvolvemento e, neste caso, combina a pescuda léxica e o material audiovisual. Os novos termos, tomados da Dirección Xeral de Política Lingüística catalá, están sendo traballados dende 2015.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Sagunto pon en funcionamento unha campaña de dinamización do valenciano
Trátase dunha campaña de sensibilización que busca invitar a iniciar unha conversación en valenciano mediante esta sinxela mensaxe. Empregaranse diferentes materiais para difundir esta campaña co obxectivo de dinamizar o uso da lingua en todos os ámbitos posibles.
Fonte: El Económico
Premian unha empresa catalá de produción de aceite pola súa calidade lingüística
Os Premios Pimes recoñecen as pequenas e medianas empresas pola integración do catalán na súa propia cultura, tirando proveito disto como un elemento de diferenciación competitiva. Este ano, pola súa calidade lingüística, a recoñecida foi a empresa Priordei, de produción e comercialización de aceite de oliva.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Deputación de Guipúscoa fixo entrega dos premios de creación audiovisual en éuscaro
En total, premiáronse seis producións audiovisuais realizadas en éuscaro por alumnos e alumnas de entre 14 e 16 anos, das seis escolas participantes. A importancia deste concurso piloto recae no gran consumo deste tipo de contidos entre a mocidade.
Fonte: Diario Vasco
O interese polo portugués como segunda lingua increméntase nas escolas estremeñas

Para o curso 2019/2020, a aprendizaxe do portugués como segunda lingua chegará a 63 escolas da comunidade estremeña, oito máis que o pasado curso lectivo. Isto débese en gran medida ao Plan Portugal, co que o Goberno luso busca promover a elección deste idioma como segunda lingua estranxeira nas escolas.
Fonte: Diário de Noticias
Unha campaña promove a matriculación en Lingua e Literatura Asturianas entre a mocidade
Lanzada pola Consellería de Educación e Cultura de Asturias, a campaña #YOAPÚNTOME está dirixida a alumnos e alumnas dos centros educativos públicos da comunidade. Promove o ensino do asturiano como unha ferramenta para mellorar a competencia comunicativa e axudar na aprendizaxe doutras linguas.
Fonte: La Voz de Asturias
O centro de terminoloxía da lingua catalá publica a segunda edición do seu dicionario sobre terminoloxía de xestión da calidade
Este dicionario en liña busca fomentar a actividade terminolóxica en linguas románicas e parte dos termos que inclúe proceden do glosario da Norma UNE-EN ISO sobre sistemas de xestión da calidade. Esta edición recolle 57 novas acepcións coas súas correspondentes denominacións en catalán, castelán, francés, galego, italiano, portugués, romanés e inglés.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Unha organización promove a realización dun campamento co asturiano como lingua vehicular
Iniciativa pol Asturianu, a ONG organizadora, vén de facer pública a nova sobre a celebración deste campamento. Dirixido cara á mocidade de entre 6 e 16 anos, este campamento contará cun equipo de monitores e monitoras falantes de asturiano que realizarán todas as actividades nesta lingua.
Fonte: El Búscolu
A lingua de signos española contará cun dicionario normativo impulsado pola Real Academia Española

Este novo dicionario materializarase nunha web na que se recollerán máis de 3500 signos. Aínda que non se coñecen datas para este proxecto, si se sabe que todas as acepcións do dicionario serán presentadas en formato vídeo e foto.
Fonte: RTVE
Boletín
Subscríbase ao boletín