España
Estiman que a oficialidade do asturiano e do galego-asturiano podería supor un beneficio económico para o Principado
Concretamente, podería supor a creación de máis de 10 000 postos de traballo e ao redor do 2 % do PIB asturiano. Son estimacións baseadas nos resultados obtidos na Comunidade Valenciana, no País Vasco e en Galicia sobre o estudo do impacto das súas linguas na economía. Os datos revelan que en todas elas, como mínimo, o 2 % do PIB (4 % no caso vasco), entre 30 e 50 mil postos de traballo e máis de mil millóns de euros dependen deste impacto.
Fonte: La Voz de Asturias
A segunda edición do Diccionari de la llengua catalana incorpora 14 novas palabras e case 200 modificacións

Novas entradas, como "bitcoin" ou "nano", novas acepcións como as de "falcó" e "falconer" ou modificacións de significados, como o de "bell sexe", onde agora se indica que é discriminatorio, son os cambios que recolle a nova edición do dicionario catalán. En total, engadíronse 14 novas palabras e realizáronse case 200 modificacións.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Nules abre a convocatoria para solicitar axudas para a promoción do valenciano nas empresas
A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Nules abriu a convocatoria de axudas para a promoción do valenciano por parte de empresas, comercios e industrias. Segundo a convocatoria, subvencionarase, cun máximo de cincocentos euros, ata un 75 % do orzamento solicitado para a rotulación exterior e interior de locais, rotulación de vehículos, impresos publicitarios e comerciais, etiquetas, carteis etc.
Fonte: El Periodic
A Universidade de Deusto realizará un estudo sobre o uso do éuscaro no Gran Bilbao
O Consello de Goberno aprobou unha subvención de 35 000 euros para a realización dun estudo sobre as prácticas lingüísticas dunha vintena de mozos e mozas para coñecer o uso do éuscaro no Gran Bilbao. Será o Instituto de Estudos Vascos da Universidade de Deusto o destinatario da axuda e o encargado de realizar esta tarefa.
Fonte: NoticiasPress
O Goberno Foral de Navarra abre a convocatoria dun programa de inmersión lingüística en éuscaro para a mocidade
O Goberno Foral abre a convocatoria dun programa de inmersión lingüística denominado Estancias para vivir en éuscaro. Dirixido ao alumnado de 3º de educación primaria a 4º de educación secundaria, habilítanse ata 1050 prazas.
Fonte: Noticias de Navarra
O valenciano supón o 2 % do PIB no seu territorio e xera máis de 55 000 empregos

A Generalitat Valenciana presentou a Col·lecció Rafael L. Ninyoles, cinco volumes de estudos sobre o impacto do valenciano na economía. O primeiro deles determina os catro ámbitos nos que o valenciano é chave e cifra a contribución directa e indirecta desta lingua en 2065 millóns de euros. Isto supón un peso das actividades relacionadas dun 2,1 % sobre o PIB rexional ou, o que é o mesmo, 56 367 empregos a tempo completo (o 3 % dos empregos do territorio).
Fonte: El Diario
EiTB estrea 'Puntu Koma', a gañadora do concurso de series dixitais en éuscaro
Esta serie, creada por Maialen Sorzabalbere e Amaia Vermello, comezará a emitirse na web de series dixitais de EiTB despois de gañar o concurso da plataforma audiovisual Next Station. Ademais deste premio, o proxecto Puntu Koma foi tamén recoñecido con varios galardóns internacionais, como o Asia Web e o Accolade Global Competition.
Fonte: eitb.eus
A localidade navarra de Sangüesa celebra Eskararen Eguna, a súa festa do éuscaro
Baixo o lema 'Etsi, euskarari eutsi' ("Non deixes de tentalo, empuxa o éuscaro"), a organización Bi Haizetara celebra este ano a reivindicativa festa, co obxectivo de dinamizar esta lingua. Este ano, decimo sétimo no que se realiza o evento, a importancia recae especialmente na renovación do grupo que participa nas actividades, grazas á integración activa de cada vez máis persoas novas.
Fonte: Noticias de Navarra
O Concello cántabro de Castro Urdiales estuda a viabilidade que tería o proxecto dun euskaltegi na cidade

O Concello de Castro Urdiales está a barallar, coa colaboración de AEK e o Instituto Vasco Etxepare, a posibilidade de impartir clases oficiais de éuscaro. Por iso, lanzou unha enquisa para coñecer o nivel desta lingua entre os posibles usuarios dun euskaltegi, un centro de ensinanza de éuscaro para persoas adultas cuxa viabilidade para este municipio cántabro se está a estudar.
Fonte: Ser
O Campus de Huesca edita dúas obras sobre a normalización das linguas minoritarias en Aragón
Ambas as obras, Lenguas minoritarias y estandarización e Lengua minorizada y enseñanza: el caso del aragonés, foron as encargadas de abrir a Feira do Libro da cidade de Huesca.
Fonte: Aragón Digital
Boletín
Subscríbase ao boletín