España
Un estudo da Universidade de Barcelona conclúe que o catalán presenta importantes elementos de minorización
O Centro de Investigación en Sociolingüística e Comunicación da Universidade de Barcelona analizou a situación do catalán eu Europa. Fíxoo a través dun artigo presentado co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística, que conclúe que o catalán é unha lingua media de Europa que presenta importantes elementos de minorización.
Fonte: El Confidencial Autonómico
A coordinadora de asociacións en favor do éuscaro de Navarra presenta quince medidas en materia lingüística para a próxima lexislatura
Kontseilua, a coordinadora de asociacións en favor do éuscaro, presentou quince medidas en materia lingüística para a próxima lexislatura en Navarra. Estas medidas diríxense a conseguir a oficialidade do éuscaro en toda Navarra: Administración Pública, sistema educativo, medios de comunicación etc.
Fonte: Noticias de Navarra
Convócanse en Mallorca as axudas de 2019 para prensa impresa ou dixital en catalán

O Consell de Mallorca publicou a convocatoria de axudas para prensa escrita ou dixital en lingua catalá do 2019, cunha dotación total de 38 000 euros. O obxecto da convocatoria é a adquisición de equipamentos e materiais necesarios para desenvolver traballos periodísticos.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Pamplona e a Real Academia da Lingua Vasca asinan un convenio para colaborar no asesoramento lingüístico municipal
O Concello de Pamplona e a Real Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia) asinaron un convenio para a concesión dunha subvención de 12 000 euros para a promoción do éuscaro, acordo que estará vixente ata o 31 de decembro deste ano.
Fonte: Pamplona Actual
A Dirección Xeral de Política Lingüística de Aragón pon en marcha un portal web con recursos en liña sobre a lingua aragonesa

A iniciativa AragON, como parte do programa europeo Poctefa Linguatec e do programa Agora por l’aragonés, puxo en marcha un portal web que pon a disposición de interesados e interesadas ferramentas e recursos en liña sobre a lingua aragonesa. Aquí pódese atopar dende un dicionario até un tradutor en liña, así como información sobre probas de nivel e recursos educativos para docentes e alumnado.
Fonte: Aragón hoy
A Generalitat de Cataluña promove un curso oral de catalán dirixido a persoas non alfabetizadas

O novo curso, denominado Ep! Escolta i Parla, foi creado pola Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto co Consorcio para a Normalización Lingüística, e está dirixido a persoas que non poden utilizar a lingua escrita como base da súa aprendizaxe. A finalidade é dar resposta ao incremento de persoas non alfabetizadas ou con dificultades de aprendizaxe que queren aprender catalán.
Fonte: Generalitat de Cataluya
A Universidade do País Vasco recoñece a investigación académica en éuscaro

En 2018 presentáronse 333 teses na Universidade do País Vasco, 33 das cales estaban en éuscaro. Delas, 17 obtiveron a cualificación internacional, o dobre que en 2017. Para promover a investigación nesta lingua, entréganse os Premios Koldo Mitxelena de Teses en Éuscaro, que este ano chegan á súa cuarta edición.
Fonte: El Correo
O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña abre o prazo para a solicitude de axudas para a promoción da lingua catalá
O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña abriu o prazo de solicitude das axudas para a promoción do catalán por parte de asociacións sen ánimo de lucro. Cun importe total de 710 000 euros, están destinadas tamén ao desenvolvemento de proxectos que incorporen o catalán en produtos tecnolóxicos e á tradución de obras non literarias ao catalán.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Castelló é a provincia da Comunidade Valenciana onde máis se usa o valenciano nas redes sociais

O emprego da lingua valenciana, segundo a última Enquisa do Uso Social do Valenciano da Consellería de Educación, vai a máis nas redes sociais, coa provincia de Castelló á fronte deste uso na última década cunha porcentaxe do 51 %. Os datos revelan ademais que o 37,7% de castellonencos se comunica en castelán en Facebook, Twitter e Whatsapp, un 3,6 % noutras linguas e a un 7,3 % élle indistinto.
Fonte: El Periódico Mediterráneo
Oviedo acolle unha manifestación para reivindicar a oficialidade da lingua asturiana

Co gallo da celebración do Día das Letras Asturianas, Oviedo acolleu unha manifestación convocada pola Xunta pola Defensa da Lingua a prol do asturiano á que acudiron centos de persoas.
Fonte: La Nueva España
Boletín
Subscríbase ao boletín