España
Os eurodeputados cataláns denuncian que o Goberno español incumpre os acordos lingüísticos
Os europarlamentarios Ramon Tremosa (CiU), Oriol Junqueras (ERC) e Raül Romeva (ICV) denunciaron que o Goberno español segue incumprindo os acordos que asinou no ano 2005 coas institucións europeas polos que se aprobou que a correspondencia cos cidadáns catalanoparlantes se puidese facer en catalán, tal como fixo público Horitzó Europa.
Fonte: La Vanguardia
Aragón dispón de 72 programas bilingües con máis de 10.000 alumnos
A conselleira de Educación e Cultura de Aragón, María Victoria Broto, explicou nas Cortes que a Comunidade dispón de 72 programas bilingües nos centros educativos con máis de 10.000 alumnos.
Fonte: ABC
O Síndic de Greuges (Valedor do Pobo) recomenda a Sanidade que redacte tamén en valenciano os seus folletos e formularios
O Síndic de Greuges da Comunidade Valenciana, José Cholbi, recoméndalle á Consellería de Sanidade que nas súas publicacións institucionais adopte "todas as medidas que sexan necesarias para que os folletos e os formularios estean redactados nas dúas linguas cooficiais da Comunidade Valenciana, de xeito que non poida prevalecer unha lingua sobre a outra".
Fonte: Europa Press
Partidarios da lingua asturiana celebran o Día das Letras pedindo a oficialidade
Partidarios da lingua celebraron o Día das Letras Asturianas reclamando a oficialidade, nunha concorrida manifestación que, como todos os anos, organizou a Xunta pola Defensa da Lingua Asturiana.
Fonte: Europa Press
Tan só no 1 % dos postos da Administración foral de Navarra se esixe o éuscaro como requisito
Tan só para acceder ao 1 % dos postos de traballo da Administración foral de Navarra é preceptivo o coñecemento do éuscaro. Hai outras prazas no Goberno nas que o éuscaro conta como mérito, pero este só representa o 1 ou 2 % do total.
Fonte: Noticias de Navarra
A Fundación CNSE e a Fundación Carrefour lanzan un novo dicionario infantil de lingua de signos española

A CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación e a Fundación Carrefour presentaron un novo dicionario infantil bilingüe de lingua de signos española e lingua española. Baixo o título Descubre nuevos signos, ambas as entidades teñen como obxectivo acercar a lingua de signos aos menores, tanto xordos como oíntes, de entre tres e oito anos de idade.
Fonte: Europa Press
O inglés e o chinés son os idiomas do futuro para a maioría dos traballadores españois
Unha enquisa realizada pola empresa de recursos humanos Adecco sobre os idiomas máis valorados polo mercado laboral sinala que para o 100% dos empregados o inglés é o idioma máis apreciado; seguido do alemán, elixido polo 47%; do francés, polo 33,6%; e do chinés, polo 18%. Porén, as valoracións cambian cando se lles pregunta polos dous idiomas do futuro. O inglés segue sendo o máis valorado, polo 92,2% dos enquisados, pero o chinés ascende ata o segundo lugar para o 69,5%.
Fonte: 20 minutos
A Consellería vasca de Cultura aproveita os cursos de verán da Universidade do País Vasco para promover o éuscaro
Cultura promoverá o éuscaro a través das actividades que se desenvolverán en paralelo á celebración dos próximos cursos de verán da Universidade do País Vasco (UPV).
Fonte: El País
A cifra de alumnos de asturiano aumentou en 9.700 estudantes
A matriculación na materia de Lingua Asturiana incrementouse nos últimos dez anos nuns 9.700 alumnos segundo informou o conselleiro de Educación, José Luis Iglesias Riopedre, quen engadiu que o profesorado desta materia aumentou nun 63 por cento no mesmo período.
Fonte: La Nueva España
Catro de cada dez parellas castelanfalantes fálanlles catalán aos seus fillos
Un total de catro de cada dez parellas de orixe castelanfalante fálalles en catalán con tanta ou máis intensidade ca en castelán aos seus fillos, segundo o estudo Llengua i joves. Usos i percepcions lingüístics de la joventut catalana (Lingua e mocidade. Usos e percepcións lingüísticas da xuventude catalá.
Fonte: Avui
Boletín
Subscríbase ao boletín