España
Estrean un novo servizo de préstamo de filmes, series e documentais dobrados ou subtitulados en catalán
O Centro de Documentación da Dirección Xeral de Política Lingüística ofrece un novo servizo de préstamo de DVD de filmes, series e documentais dobrados e/ou subtitulados en catalán. O fondo ten 538 audiovisuais distribuídos en cinco categorías: filmes, documentais, infantil, series e interactivos.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Un total de 188 514 persoas do Camp de Tarragona que non tiña o catalán como lingua inicial sabe falalo actualmente
Un total de 188 514 persoas que non tiña o catalán como lingua oficial no Camp de Tarragona sabe falalo actualmente. A cifra resulta da diferenza entre as persoas que o saben falar (345 911) e as que teñen o catalán, só ou compartido co castelán, como lingua primeira (157 397).
Fonte: Generalitat de Cataluña
Bilbao deseña unha aplicación móbil para fomentar o éuscaro entre os adolescentes
A Área de Éuscaro e Xuventude do Consistorio de Bilbao presentou a aplicación móbil Galdeketaun, deseñada pola web cultural www.nontzeberri.com e orientada a promover o uso da lingua vasca entre os adolescentes bilbaínos de 12 a 17 anos.
Fonte: El Correo
Nace Game Erauntsia, a primeira comunidade de videoxogadores en éuscaro
Un grupo de afeccionados vascos aos videoxogos crearon a comunidade Game Erauntsia, un espazo web para compartir a súa afección por este ocio electrónico, que ten como única premisa que os contidos e a comunicación entre os membros ten que ser en éuscaro.
Fonte: Vascopress
O Goberno vasco destaca a boa saúde dixital do éuscaro pero di que o reto é ampliar o seu mercado nas TIC
O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco, Patxi Baztarrika, destacou que a saúde dixital do éuscaro é “boa”, como amosa, por exemplo, o feito de que actualmente se utilizan en internet só o 5 % das linguas do mundo e unha delas é o éuscaro. A pesar disto, afirmou que o reto debe ser “utilizar todos os produtos que as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ofrecen e, en consecuencia, ampliar o mercado das TIC en éuscaro".
Fonte: 20 minutos
Denuncian que o asturiano non aparece no currículo para as escolas de 0 a 3 anos
Acaba de facerse público o currículo aprobado para as ensinanzas de 0 a 3 anos en Asturias. O texto é, a xuízo de Iniciativa polo Asturiano, unha mostra de como a Administración asturiana fai todo o posible por expulsar a lingua asturiana do sistema educativo.
Fonte: Infoasturies
O Congreso rexeita o recoñecemento da lingua asturiana no Dicionario da Real Academia Española
A Comisión de Cultura do Congreso rexeitou a proposición non de lei que lle pedía ao Goberno solicitar á Real Academia da Lingua Española o recoñecemento da lingua asturiana no seu dicionario.
Fonte: ABC
Menos do 5 % dos pais vota para escoller a lingua nas escolas da Comunidade Valenciana
A Consellería de Educación estreou a súa nova ferramenta telemática para pulsar a opinión das familias. A aplicación debutou coa consulta non vinculante os pais sobre a lingua base (castelán ou valenciano) do modelo de ensino plurilingüe en Infantil e Primaria. Unha sondaxe na que votaron menos do 5 % dun censo composto polos proxenitores dos máis de 312 000 alumnos dos colexios públicos da Comunidade Valenciana.
Fonte: Levante-emv
A campaña Zinegabonak achegará o cine en éuscaro ao público infantil este Nadal
Coa chegada do Nadal, a iniciativa Zinegabonak aterra un ano máis nas salas de cine vascas. Nesta segunda edición, tras o éxito obtido o ano pasado, o ciclo de cine en éuscaro dedicado aos mais pequenos chega renovado e con forza, co fin de “profundar, desenvolverse e expandirse”, explicou o viceconselleiro de Cultura, Xuventude e Deportes, Joxean Muñoz, no acto de presentación.
Fonte: Deia
O Goberno vasco acorda destinar 146 250 euros para o reforzo en lingua estranxeira e actividades de innovación
O Consello de Goberno vasco aprobou unha Orde pola que se convocan subvencións, por un importe global de 146 250 euros, para realizar cursos de reforzo en lingua estranxeira en centros privados concertados e en centros públicos de titularidade municipal que imparten ciclos correspondentes ao curso 2014-2015.
Fonte: 20 minutos
Boletín
Subscríbase ao boletín