Galicia

Os plenos da Deputación da Coruña transmitiranse en lingua de signos

A Deputación da Coruña e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia mantiveron unha reunión para avanzar na accesibilidade da comunicación para persoas con discapacidade auditiva. En concreto, estudouse a posibilidade de transmitir os plenos por streaming con subtítulos e interpretación á lingua de signos.

Fonte: Deputación da Coruña

A Egap convoca cursos de contido lingüístico para o persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública (Egap) convoca cursos para o persoal ao servizo da Administración autonómica, entre os que se atopan tres de contido lingüístico: “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos”, “Actualización gramatical e ortográfica na lingua galega” e “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Os grupos parlamentarios animan a Xunta a estudar unha posible candidatura da toponimia galega a Patrimonio da Humanidade

Os catro grupos con representación na Cámara galega aprobaron unha proposición para animar a Xunta de Galicia a presentar unha candidatura para que a toponimia sexa declarada Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Fonte: Galicia Confidencial

O Concello de Cerdedo-Cotobade aproba a súa Ordenanza municipal de uso, emprego e defensa do galego

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou a aprobación definitiva da Ordenanza municipal de uso, emprego e defensa do galego no Concello de Cerdedo-Cotobade, un texto aprobado no Pleno municipal o 29 de novembro de 2018. Este texto declara o galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia de Galicia, sen prexuízo da cooficialidade do castelán.

Fonte: CTNL

Unha trintena de empresas de Santiago de Compostela, Ames e Teo súmase a unha iniciativa para impulsar a relación en galego coa clientela

Unhas 30 empresas de Santiago de Compostela, Ames e Teo uniranse ao proxecto Galegoempresas, unha web que inclúe un directorio de negocios situados nestes tres municipios que ofrecen servizos de todo tipo e establecen a súa relación e as súas comunicacións coa clientela en galego.

Fonte: Galicia Confidencial

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o seu informe anual da Liña do Galego

A Liña do Galego é un servizo gratuíto de atención que tramita queixas sobre dereitos lingüísticos e recolle parabéns para as entidades que os respectan. No último informe reflíctese a tramitación en 2018 de 303 expedientes de queixas, a atención de 29 consultas e un total de 58 felicitacións.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Concurso Balbino de Relatos chega á súa IV edición

O Concurso Balbino de Relatos chega á súa cuarta edición impulsado por Técnicas & Gramaxe co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Xosé Neira Vilas, dos concellos de Vila de Cruces e Boqueixón e mais da Deputación de Pontevedra. Ten como obxectivo promover a literatura escrita en lingua galega arredor da temática do rural e da emigración, así como apoiar tanto escritoras e escritores noveis como xa consagrados.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Nace en Lalín un novo colectivo de defensa da lingua galega

A biblioteca municipal Varela Jácome de Lalín acolleu un acto aberto ao público para a creación dun colectivo transversal parar a defensa do galego na zona ao que acudiron persoas da comarca para poñer en común as súas ideas para a protección desta lingua.

Fonte: Faro de Vigo

Valentín García anima a seguir falando na nosa lingua propia na clausura de ‘21 días co galego e +’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, pechou no IES Antón Alonso Ríos a primeira edición do programa de dinamización lingüística “21 días co galego e +” impulsado desde os Equipos de Dinamización da Lingua Galega en catro IES, coa participación de máis de 1300 adolescentes e unha importante repercusión en internet.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Redondela pon en marcha unha iniciativa de fomento da lectura en galego nos centros de beleza

O Concello de Redondela, en colaboración coa Asociación de Empresarios da vila, pon en marcha "A beleza das letras", unha iniciativa pola que os centros de beleza e estética ofrecerán libros en galego dedicados ao patrimonio e á cultura das parroquias do municipio.  

Fonte: Faro de Vigo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder