Galicia

A Universidade de Vigo edita un novo volume de Cumieira, cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega

O terceiro volume desta revista, impulsada polo Departamento de Filoloxía Galega, inclúe cinco traballos sobre temas variados, como o conflito lingüístico na educación, a mitoloxía clásica na literatura galega, o ensino de galego como lingua estranxeira, a obra poética de Johán Carballeira e a fala dialectal do Morrazo.

Fonte: Universidade de Vigo

Increméntanse en 2018 as consultas á versión en liña do Dicionario da Real Academia Galega

No ano 2018 o Dicionario da Real Academia Galega volveu incrementar o número de visitas recibidas á súa versión en liña. En total logrou case 21 900 000 buscas, o que supón un aumento do 6,5 % con respecto a 2017.

Fonte: Real Academia Galega

Máis de 1300 adolescentes participan no programa de dinamización lingüística ‘21 días co galego e +’

Un total de 1316 alumnas e alumnos de ESO, bacharelato e Formación Profesional comprométense ata o vindeiro 3 de febreiro a falar só a lingua propia de Galicia. Fano no marco do programa de dinamización lingüística ‘21 días co galego e +’, que se presentou no compostelán IES A Pontepedriña.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Vigo aposta polo audiovisual na súa campaña de fomento do galego para o 2019

Co lema “Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua”, o calendario de 2019 da Área de Normalización Lingüística está deseñado para a súa distribución polas redes sociais, de maneira que cada mes vai acompañado dunha peza audiovisual.

Fonte: Universidade de Vigo

Cultura participa na homenaxe inaugural da programación das Letras Galegas 2019 en Cotobade, vila natal de Antonio Fraguas

A Consellería de Cultura e Turismo, a través do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participou no acto inaugural da programación das Letras Galegas 2019 en Cotobade, vila natal de Antonio Fraguas, intelectual homenaxeado na edición deste ano e fillo predilecto destas terras.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Solicítanlle á Deputación de Ourense medidas de apoio ao comercio local que inclúan tamén a etiquetaxe en galego

O BNG presentou unha moción para solicitarlle á Deputación de Ourense que aprobe unha liña de axudas para o comercio local e de proximidade, así como para recuperar as feiras e mercados tradicionais, unha petición que implica tamén o apoio á etiquetaxe en galego.

Fonte: Faro de Vigo

Os centros de ensino da Estrada organizan un concurso de microrrelatos e micropoemas en galego

O alumnado de calquera nivel educativo poderá participar no concurso de microrrelatos e micropoemas en galego organizado polos centros de ensino da Estrada para fomentar a creación literaria nesta lingua e que este ano alcanza a súa sexta edición.

Fonte: Faro de Vigo

A Deputación da Coruña convoca as subvencións para os servizos de normalización lingüística dos concellos da provincia

A Deputación da Coruña destinará 480 000 euros á convocatoria de axudas para a creación, mantemento e reforzo dos servizos municipais de normalización lingüística destinadas a concellos, mancomunidades e entidades locais da provincia. Así mesmo, os concellos poderán acceder ao programa “Lingua á escena” da Rede Cultural desta institución.

Fonte: Deputación da Coruña

A Real Academia Galega asina un acordo de colaboración coa Academia Brasileira de Letras

Os presidentes de ambas as institucións mantiveron unha reunión na que asinaron un acordo de amizade e colaboración co obxectivo de estreitaren lazos entre o portugués e o galego.

Fonte: Real Academia Galega

A Deputación da Coruña abre unha liña de axudas para proxectos audiovisuais en lingua galega

A Deputación da Coruña convoca unha liña de axudas, que conta cun orzamento de 125 000), destinadas a empresas audiovisuais que distribúan, comercialicen ou exhiban obras en galego, co obxectivo de facilitar a difusión de películas e documentais realizados nesta lingua.

Fonte: La Opinión

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder