Mundo

Diferentes entidades de Hawai crean un proxecto para promover a aprendizaxe do hawaiano

A Universidade de Hawai e outros departamentos de lingua hawaiana deste estado dos EUA crearon o proxecto 'Ōlelo of the Week' que permitirá aprender e difundir unha palabra hawaiana cada semana co obxectivo de animar máis persoas a aprenderen a lingua vernácula do arquipélago.

Fonte: University of Hawai'i News

O Instituto Camões crea un lectorado de lingua portuguesa en Costa Rica

Un acordo entre o Instituto Camões e a Universidade de Costa Rica permitirá crear un lectorado de lingua portuguesa neste país americano. Trátase do primeiro lectorado de portugués en América Central.

Fonte: Observador

O catálogo da lingua portuguesa Gram Bem Querer xa se encontra dispoñible en liña

O Instituto Camões e a Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas e Asuntos Exteriores de Portugal crearon o catálogo de lingua portuguesa Gram Bem Querer que recompila fragmentos de obras de autores lusófonos traducidos cara ao inglés.

Fonte: República Portuguesa

O portugués é a terceira lingua máis falada en tres estados dos EUA

Segundo unha enquisa do Instituto de Políticas Migratorias dos EUA, o portugués é a terceira lingua máis falada, despois do inglés e o español, de tres estados: Massachusetts, Connecticut e Rhode Island.

Fonte: Rally Mundial

Un proxecto aspira a recompilar o máximo número de obras escritas en linguas faladas en Siberia e o Ártico

Un proxecto elaborado na biblioteca da Universidade de Gotinga, Alemaña, pretende recompilar o máximo número de obras publicadas en linguas do Ártico e Siberia. O obxectivo é asegurar que as obras non se perdan.

Fonte: Eye on the Arctic

Só un de cada tres escolares luxemburgueses ten o luxemburgués como lingua materna

No inicio do curso 2021/2022, só un 33 % do alumnado de ensino básico de Luxemburgo ten o luxemburgués como lingua materna, fronte a unha porcentaxe do 60 % de hai dúas décadas. Porén, o luxemburgués é a lingua de comunicación maioritaria: o 80 % das crianzas domina este idioma.

Fonte: Contacto

O Goberno do Reino Unido recoñecerá oficialmente a lingua de signos británica

O Goberno do Reino Unido apoiou a proposta dun parlamentario laborista que pretende dotar a lingua de signos británica de recoñecemento oficial. Grazas á medida, as persoas xordas poderían ter acceso igualitario á educación e servizos públicos.

Fonte: The Guardian

Un estudo demostra que linguas de todo o mundo gardan semellanzas fónicas en palabras que denotan texturas ásperas ou rugosas

Un estudo realizado por varias universidades de diferentes países revelou que nunha mostra de 332 linguas do mundo, as palabras que describen texturas rugosas ou ásperas adoitan conter o son vibrante /r/. Trátase dunha semellanza fónica que está presente en linguas tan dispares como o éuscaro ou o mongol e que se remonta a máis de 6000 anos atrás.

Fonte: EurekAlert

Presentan unha serie documental en lingua mapuche

A Corporación Nacional de Desenvolvemento Indíxena de Chile (CONADI, polas súas siglas en español) presentou Wallontu Mapu Ñi Mognen, unha serie documental narrada en lingua mapuche ou mapuzugun.

Fonte: Lanco

O turco é a lingua estranxeira que máis medrou na plataforma Duolingo no Brasil

Segundo o último relatorio das tendencias do estudo de idiomas no Brasil, o turco foi en 2021 o idioma estranxeiro que máis creceu en popularidade na plataforma Duolingo.

Fonte: Segs

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder