Mundo

A fascinación por Asia anima a cidadanía británica a aprender linguas como o xaponés ou o coreano

A fascinación que a cidadanía británica expresa pola cultura de países como o Xapón ou Corea leva a que cada vez máis persoas opten por aprenderen linguas asiáticas. No Reino Unido, o xaponés é a primeira lingua con maior incremento no número de estudantes na plataforma Duolingo e o coreano é a cuarta.

Fonte: The Guardian

O Dicionario Oxford da Lingua Inglesa inclúe palabras en coreano

O interese recente que existe no Reino Unido pola cultura e cociña coreanas está influíndo tamén na lingua. A última edición do Dicionario Oxford da Lingua Inglesa incluíu vinte termos de orixe coreana.

Fonte: The Guardian

Medra a popularidade das linguas locais en Taiwán

A crecente aversión da cidadanía taiwanesa polo réxime comunista da China está alentando un movemento que apoia e promove o uso das linguas locais diferentes ao chinés mandarín.

Fonte: The Wall Street Journal

O presidente da FIFA propón que o árabe sexa lingua oficial da organización

O presidente da Federación Internacional de Fútbol (FIFA, polas súas siglas en inglés), Gianni Infantino, proporá que o árabe se converta en lingua oficial deste organismo internacional.

Fonte: FIFA

O borrador dos orzamentos do País de Gales inclúe máis investimento para a lingua galesa

O borrador dos orzamentos publicado polo Goberno do País de Gales inclúe maior investimento para a promoción e protección da lingua galesa en diferentes ámbitos como a economía e a educación.

Fonte: Nation Cymru

Un proxecto difunde no Brasil contido audiovisual en lingua de signos

O proxecto Amazonas em Libras é unha serie web de catro episodios sobre o Amazonas que será distribuída totalmente en lingua brasileira de signos.

Fonte: A Crítica

A comunidade internacional celebra o Día Internacional da Lingua Árabe

Como cada 18 de decembro, as Nacións Unidas conmemoraron en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Árabe, un dos idiomas oficiais deste organismo internacional. O lema deste ano é "A lingua árabe, unha ponte entre civilizacións".

Fonte: Gulf News

Crean un novo sitio web en occitano para persoas novas

A asociación Escòla Gaston Fèbus de Pau (Francia) crea un novo sitio web en occitano destinado a persoas mozas.

Fonte: Jornalet

Introducen o ensino da lingua pomerana na rede de escolas públicas de Espírito Santo

A Secretaría de Educación do estado brasileiro de Espírito Santo decretou que a partir do próximo semestre as escolas públicas de ensino fundamental do estado poderán impartir a lingua pomerana, unha variedade do baixo alemán falada polas comunidades pomeranas de varias zonas do Brasil.

Fonte: Folha Vitória

Diminúe o número de persoas que estudan ucraíno e tártaro na península ocupada de Crimea

O número de persoas que estuda ucraíno e tártaro baixou na península de Crimea, ocupada por Rusia en 2014. O principal motivo deste descenso é a escaseza de profesorado ante o medo a sufriren represalias por parte de Rusia.

Fonte: Ukrinfom

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder