Mundo
O ministro peruano de Cultura propón que a comunicación do Estado cos pobos orixinarios se faga nas súas linguas nativas
O titular de Cultura, Ciro Gálvez, sinala que están a traballar nun proxecto de lei que permita que a comunicación do Estado cos pobos orixinarios se faga na súa propia lingua materna.
Fonte: El Comercio
Paraguai celebra o Día do Idioma Guaraní

Como cada 25 de agosto Paraguai celebra o Día do Idioma Guaraní coa organización de actividades ao abeiro da oitava edición da campaña “Rohayhu che ñe’ẽ”, unha iniciativa coa que se pretende poñer en valor esta lingua.
Fonte: Muni Py
O Parlamento de Venezuela aproba a reforma parcial da Lei de idiomas indíxenas
O Parlamento venezolano aprobou por unanimidade a reforma parcial da Lei de idiomas indíxenas, que recolle as novas competencias do Instituto Nacional de Idiomas Indíxenas (INII) e establece os requirimentos para traducir e interpretar a Constitución do país. O obxectivo desta reforma é contar con ferramentas xurídicas que garantan a permanencia das linguas dos pobos orixinarios.
Fonte: El Universal
Segundo un estudo da Universidade de Zürich, a gramática é espello da evolución cultural e xenética
Persoal investigador da Universidade de Zürich realizou un estudo no que rastrearon once familias lingüísticas relacionadas durante máis de 10 000 anos. Unha das conclusións máis destacadas da investigación é que a gramática é un espello da evolución cultural e xenética do ser humano e, polo tanto, reflicte a xenética máis que calquera outra característica cultural.
Fonte: Apendemás
Unha lei garante o dereito á aprendizaxe do portugués nas escolas da localidade brasileira de Criciúma
A lei municipal n.º 7942 garántelle ao alumnado das escolas de Criciúma o dereito á aprendizaxe da lingua portuguesa. Así mesmo, inclúe a prohibición da linguaxe neutra nos plans de estudo e o material didáctico dos centros educativos públicos e privados.
Fonte: Notisul
Os principais partidos políticos de Ottawa dispútanse os avances da lingua francesa
Unha semana despois da convocatoria electoral, os catro principais partidos políticos de Ottawa discuten sobre quen defende máis a lingua francesa.
Fonte: Le Journal de Montréal
O plan de rescate para a recuperación das linguas orixinarias de Bolivia progresou nun 40 %
En Bolivia hai 36 linguas indíxenas recoñecidas na Nova Constitución Política do Estado e grazas ao plan de rescate para a súa recuperación tradúcense os alfabetos orixinarios en dicionarios e créanse institutos para revitalizalas.
Fonte: La Razón
Unha asociación busca doazóns para crear a primeira escola de inmersión en lingua corsa

A asociación Scola Corsa pretende abrir dúas escolas de inmersión en corso na rexión de Bastia. O obxectivo é que o alumnado aprenda esta lingua mediante o seu uso en todas as actividades do centro, dende o comedor ata as actividades deportivas.
Fonte: France Télévisions
O Instituto Camões aposta pola industria creativa para expandir a lingua portuguesa

Para o director do Instituto Camões, a música, o audiovisual, a literatura, a arquitectura, a gastronomía ou o turismo son áreas que poden axudar a impulsar a presenza do portugués en todo o mundo.
Fonte: Plataforma
Unha nova aplicación busca protexer a lingua otomí

OtomíApp é unha aplicación que pretende evitar o desprazamento que está a sufrir a lingua otomí, xa que só conta con arredor de 500 falantes e as novas xeracións non a aprenden.
Fonte: DigitalMex
Boletín
Subscríbase ao boletín