Mundo
Turquía celebra o Día da Lingua de Signos Turca
Turquía celebra o Día da Lingua de Signos Turca, un idioma que se está a abrir paso firme nunha sociedade que, segundo cifras extraoficiais, conta con 4 millóns de persoas con algún tipo de dificultade auditiva.
Fonte: Daily Sabah
As autoridades chinesas pechan escolas privadas de tibetano na provincia de Sichuan
As autoridades chinesas están pechando escolas privadas de lingua tibetana na provincia de Sichuan co pretexto de uniformar o uso dos libros de texto e outros materiais didácticos. O alumnado destas escolas acabará en centros públicos onde a lingua de instrución é o chinés.
Fonte: Radio Free Asia
A entidade que xestiona o corpo de policías de Inglaterra e Gales publica a súa estratexia de uso do galés
O ente responsable dos asuntos policiais de Gales e Inglaterra, College of Policing, aprobou a súa primeira estratexia sobre a lingua galesa. O seu principal obxectivo é promocionar o uso do galés e apoiar os falantes de galés tanto dentro como fóra do corpo policial.
Fonte: North Wales Pioneer
Un municipio do estado brasileiro do Ceará aproba a cooficialidade dunha lingua nativa
O municipio de Monsenhor Tabosa, no estado brasileiro do Ceará, recoñeceu a lingua nativa tupi-nheengatu como idioma cooficial xunto ao portugués.
Fonte: Ceará Governo do Estado
Un bo número de persoas con dificultade auditiva de Portugal non entende a totalidade dos signos da lingua xestual
Algunhas das principais asociacións de persoas xordas de Portugal revelaron que unha parte delas, sobre todo as persoas de máis idade, teñen dificultade para entender as interpretacións nesta lingua que aparecen na televisión.
Fonte: Correio da Manhã
Un estudo revela que a pandemia da covid-19 fixo colapsar o ensino das linguas modernas na educación primaria de Irlanda do Norte
Un estudo realizado polo British Council revelou que a pandemia da covid-19 fixo colapsar o estudo das linguas modernas na educación primaria de Irlanda do Norte. Do estudo tamén se desprende que esta zona do Reino Unido é a que menos anos de ensino obrigatorio dedica ao estudo destas linguas.
Fonte: BBC
O municipio portugués de Miranda do Douro coloca placas bilingües nas rúas
O municipio trasmontano de Miranda do Douro actualizará a súa toponimia local ao colocar placas bilingües en mirandés e portugués en 33 localidades de todo o concello.
Fonte: Renascença
Antes do final de século o continente africano concentrará a maior proporción de falantes de portugués

Segundo as proxeccións demográficas, o Brasil deixará paulatinamente de ser o país con maior número de falantes de portugués. Cando isto aconteza, antes de final de século, os países africanos de lingua oficial portuguesa, sobre todo Angola e Mozambique, pasarán a concentrar o groso dos falantes da lingua de Camões.
Fonte: Toda Palavra
Medra a popularidade do chinés nas escolas de Zimbabwe
A lingua chinesa é unha opción cada vez máis habitual nas escolas de Zimbabwe grazas ao estreitamento das relacións entre o país africano e a China.
Fonte: CGTN
Irlanda do Norte suprime a proba de expresión oral dos exames oficiais do ensino secundario
O Ministerio de Educación de Irlanda do Norte decidiu suprimir a proba de expresión oral dos exames oficiais dos títulos de ensino secundario e bacharelato das materias lingüísticas para 2022 por mor da pandemia da covid-19.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase ao boletín