Mundo

Unha disputa sobre a lingua gaélica ameaza o goberno en Irlanda do Norte

Unha disputa entre o DUP e o Sinn Féin, os dous partidos con máis representación na Asemblea de Irlanda do Norte, pode ameazar o goberno desta zona do Reino Unido. A orixe da disputa está na aprobación dunha lei que garanta a protección do gaélico irlandés.

Fonte: The Guardian

Diferentes estudos revelan que o ensino en linguas maternas africanas potencia a aprendizaxe

Varias investigacións en lugares como a Universidade de Heidelberg (Alemaña) ou na Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) revelan que a introdución do ensino en linguas nativas e non nas linguas coloniais ten un impacto moi positivo na aprendizaxe do alumnado de países africanos como Camerún ou Senegal.

Fonte: Financial Times

O Quebec aproba unha resolución que garantirá a protección das linguas indíxenas

A Asemblea Nacional do Quebec aprobou unha resolución que garantirá a promoción e protección das linguas indíxenas das Primeiras Nacións en territorio quebequés.

Fonte: Montreal Gazette

O Museo do Indio de Río de Xaneiro pon á disposición do público dicionarios en liña de catro linguas indíxenas brasileiras

Co fin de sensibilizar a cidadanía brasileira sobre a existencia e promoción das linguas indíxenas, o Museo do Indio de Río de Xaneiro desenvolveu aplicacións gratuítas con dicionarios dos idiomas guató, yekuana, sanöma e kawahiva.

Fonte: Jornal de Brasília

O presidente da República de Portugal cualifica a lingua portuguesa como un dos "activos" do país

O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, aproveitou a entrega do concurso do Día de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas para afirmar que o portugués é un dos activos máis importantes do país luso.

Fonte: Plataforma Media

As comunidades indíxenas de Taiwán loitan por salvar as súas linguas nativas

O Goberno de Taiwán recoñece 16 tribos indíxenas e as súas 16 linguas orixinarias. Malia esta protección legal, unha boa parte das comunidades están inmersas nunha loita contra o reloxo por salvar os seus modos de expresión ancestrais da extinción.

Fonte: The Guardian

Cada vez máis persoas deciden aprender portugués en Luxemburgo

Varios cursos de portugués como lingua estranxeira que teñen lugar en Luxemburgo co apoio do Ministerio de Educación teñen cada vez máis persoas interesadas en aprenderen a lingua de Camões. Entre o alumnado hai persoas de fóra de Luxemburgo e tamén un bo número de luxemburgueses.

Fonte: Contacto

Un estudo alerta que a desaparición das linguas nativas ameaza o coñecemento ancestral das plantas medicinais

Un estudo elaborado na Universidade de Zürich alerta que a perda de diversidade lingüística no mundo está pondo en risco o coñecemento ancestral relacionado co uso das plantas medicinais.

Fonte: The Guardian

O Goberno da República de Irlanda aproba un proxecto piloto que introducirá o estudo das linguas estranxeiras no ensino primario

Un proxecto piloto introducirá o estudo das linguas estranxeiras en máis de 100 escolas primarias de toda a República de Irlanda.

Fonte: Irish Times

Irlanda implementará un programa de cinco anos para salvagardar a lingua gaélica nas "gaeltacht"

A autoridade responsable do desenvolvemento cultural, económico e social das "gaeltacht" ou zonas de fala gaélica levará a cabo un ambicioso programa de cinco anos para incentivar o uso do gaélico nestas zonas e deter a caída de falantes activos.

Fonte: Irish Central

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder