Mundo
Un proxecto do Goberno de Islandia quere salvar o islandés da morte dixital
O Goberno de Islandia está a investir uns 23 millóns de dólares na creación dunha base de datos de frases e palabras en islandés para que determinados dispositivos electrónicos e aplicacións poidan entender esta lingua e salvala da "morte dixital". Trátase dun proxecto que xa contou coa colaboración de moitos grupos de poboación e que de momento conseguiu reunir un total e 130 000 frases.
Fonte: The Wall Street Journal
O Consello Constitucional de Francia veta a inmersión lingüística nas escolas públicas

O Consello Constitucional de Francia anulou o artigo 4 da lei para a protección e promoción das linguas rexionais de Francia, coñecida como lei Molac. O devandito artigo facía posible o ensino de inmersión en escolas públicas en linguas rexionais como o éuscaro, o bretón, o catalán ou o occitano.
Fonte: Mediabask
A falta de transmisión xeracional pon en risco a lingua scots en Escocia
Un grupo de lingüistas ditaminou que a lingua scots está en perigo de desaparición pola falta de transmisión xeracional. Os datos despréndense dun informe elaborado na aplicación de ensino de linguas Busuu.
Fonte: Daily Record
Un informe revela que a lingua tibetana é usada amplamente na Rexión Autónoma do Tíbet
Un informe elaborado pola Oficina de Información do Consello de Estado da China revelou que a lingua tibetana é usada amplamente tanto a nivel oral como escrito na Rexión Autónoma do Tíbet.
Fonte: XinhuaNet
A cidade chinesa de Macau conta con poucos avogados que falen portugués
A Asociación de Avogados de Macau alertou que nos últimos anos diminuíu drasticamente o número de avogados e avogadas de lingua materna portuguesa. Actualmente o 70 % de todos os profesionais da avogacía inscritos na cidade son de lingua materna chinesa.
Fonte: Notícias ao Minuto
A cidade italiana de Rávena acolle unha exposición que mostra a lírica máis antiga escrita en lingua italiana
O Arquivo Histórico Diocesano de Rávena (Emilia- Romaña) acolle unha exposición que mostra a lírica máis antiga escrita en lingua italiana. Trátase dun pergamiño do século XII.
Fonte: Ravenna Today
Prohiben a construción de vivendas no norte de Gales polo impacto que poidan ter na supervivencia do galés
As autoridades locais de Gwynedd, no norte do País de Gales, prohibiron a construción dun conxunto de vivendas porque poderían supor un atranco para a supervivencia do galés na zona.
Fonte: Metro
A BBC lanza o primeiro podcast en galés sobre contidos LGTB

A BBC lanzou Esgusodwch fi?, o primeiro podcast en lingua galesa sobre temas relacionados coa comunidade LGTB (lesbianas, gais, transexuais/transxénero e bisexuais).
Fonte: Wales Online
Un informe revela que o gaélico irlandés é a duodécima lingua máis ameazada de Europa
Un informe elaborado pola plataforma de aprendizaxe de linguas Busuu revelou que o gaélico irlandés é a duodécima lingua máis ameazada de Europa e podería desaparecer no próximo século.
Fonte: Irish Central
Finlandia quere que os estudantes estranxeiros de enfermaría aprendan a lingua finesa
O Goberno de Finlandia está levando a cabo un proxecto piloto para axudar os estudantes estranxeiros de enfermaría a aprenderen finés coa intención de que poidan desenvolver a súa carreira profesional no país.
Fonte: YLE
Boletín
Subscríbase ao boletín