Mundo

O francés é a lingua máis demandada no mercado laboral de Luxemburgo

O francés é a lingua máis demandada nas ofertas de emprego de Luxemburgo seguida do alemán. O luxemburgués ocupa o terceiro lugar e sobe un 17 % nos últimos cinco anos.

Fonte: Wort

Dous xigantes da televisión en español xúntanse para competir con Netflix e Amazon

Os xigantes da televisión en español Televisa de México e Univision dos EUA uníronse para crear a empresa Televisa-Univision que se converterá no maior grupo de medios de comunicación en español do mundo. A idea é competir con Netflix e Amazon no mercado dos contidos por internet.

Fonte: Techxplore

Unha base de datos ofrece información detallada sobre a lingua de signos americana

Un pequeno grupo de científicos e científicas crea a base de datos interactiva ASL-LEX que ofrece información visual e detallada sobre uns 3000 signos da lingua de signos americana. A ferramenta é de acceso gratuíto para todas as persoas interesadas.

Fonte: The Conversation

O Partido Nacionalista Escocés quere garantir o futuro do gaélico coa creación dunha zona de fala gaélica

O Partido Nacionalista Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés) anunciou que tomará medidas para crear unha zona recoñecida de fala gaélica se gaña as eleccións do próximo mes de maio. 

Fonte: The Herald

Unha petición en liña reivindica unha maior presenza da lingua friulana na RAI

Unhas 600 persoas asinaron xa unha petición en liña que demanda que o friulano teña unha maior presenza na Radiotelevisión Italiana (RAI) por medio dunha estrutura autónoma con contidos nesta lingua.

Fonte: Il Friuli

Diferentes personalidades de Cabo Verde piden a declaración do crioulo como lingua oficial

Diferentes personalidades do mundo cultural e político de Cabo Verde pedíronlles ao presidente Jorge Carlos Fonseca e aos candidatos ás eleccións lexislativas que o crioulo caboverdiano se converta en lingua oficial do país africano.

Fonte: Deutsche Welle

O Goberno de Ontario amplía o número de linguas en que se pode realizar o exame para obter o permiso de condución

O Ministerio de Transportes da provincia canadense de Ontario ofrece agora o exame teórico do permiso de condución en tres linguas nativas canadenses: ojibwa, oji-cree e cree. Coa incorporación destes tres idiomas son xa 27 as linguas en que se pode realizar este exame.

Fonte: CBC

Unha iniciativa da Universidade de Bruxelas busca preservar as linguas nativas de orixe non belga

A Universidade de Bruxelas está desenvolvendo unha plataforma en liña para facer un seguimento do uso na cidade de linguas nativas procedentes de países de fóra de Bélxica. O obxectivo é preservar e promocionar o uso destas linguas na capital belga.

Fonte: The Brussels Times

A cidade de Guimarães anunciará o programa das conmemoracións do Día Mundial da Lingua Portuguesa

O Concello de Guimarães, en colaboración coa Universidade do Miño, anunciará o programa de conmemoracións do Día Mundial da Lingua Portuguesa que se celebra o día 5 de maio.

Fonte: Semanário V

Catro de cada dez indíxenas de Ecuador non falan o seu idioma nativo

En Ecuador fálanse 14 linguas nativas. Porén, unha estatística do Instituto de Idiomas, Ciencias e Saberes Ancestrais de Ecuador revelou que catro de cada dez indíxenas non saben falar o seu idioma orixinario.

Fonte: Extra

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder