Mundo

Unha petición en liña de máis contido audiovisual en gaélico irlandés alcanza as 3500 sinaturas

Unha falante de gaélico irlandés rexistrou unha petición na plataforma Change.org para solicitar a Netflix que adquira máis contido audiovisual nesta lingua. A solicitude xa chegou ás 3500 sinaturas.

Fonte: Irish Central

Francia vota unha lei que engade a discriminación lingüística ao código penal

A Asemblea Nacional francesa votou unha proposición de lei coa que pretende introducir a discriminación por lingua ou acento no código penal. De se aprobar esta norma, as penas por delitos de discriminación lingüística poderían ser de 45 000 euros e 3 anos de cadea.

Fonte: Naiz

Unha petición de diferentes nacións sen estado reivindica medidas de protección para as súas comunidades lingüísticas

Diferentes asociacións en defensa de linguas minorizadas de Escocia, Irlanda, Gales, a Illa de Man e Cornualles asinaron unha petición conxunta para reivindicar protección para as súas comunidades lingüísticas ante as presións dos mercados inmobiliarios.

Fonte: Nós Diario

O Goberno do Quebec quere fortalecer a súa lei sobre a lingua francesa

O ministro responsable da Lingua Francesa do Goberno do Quebec, Simon Jolin-Barrette, anunciou que o executivo pretende fortalecer a lei sobre a lingua francesa co fin de paliar o declive que está a experimentar o francés na provincia canadense, sobre todo na cidade de Montreal.

Fonte: Everything GP

A cidade de Guimarães fortalecerá o ensino da lingua francesa en primaria

A embaixadora de Francia en Portugal, Florence Mangin, presentou unha proposta á Cámara Municipal de Guimarães para reforzar a aprendizaxe da lingua francesa nas escolas primarias por medio dun proxecto piloto que contará co apoio da Alliance Française.

Fonte: ComUM

 

Dáse a coñecer a lista de finalistas do premio literario Océanos

A organización do premio Océanos, que distingue cada ano as mellores obras publicadas en lingua portuguesa en diferentes países do mundo, revelou a súa lista de finalistas. Tres dos libros son de autoría portuguesa e 7 brasileira.

Fonte: Observador

Unha iniciativa saca á luz unha guía de conversa bilingüe galés-inglés do século XIX

Unha iniciativa destinada a difundir os fondos dos arquivos do Reino Unido sacou á luz no País de Gales unha interesante guía de conversa galés-inglés dirixida a turistas do século XIX.

Fonte: The Guardian

Unha congresista peruana xura o seu cargo en lingua quechua

A congresista peruana Matilde Fernández Flores xurou o seu cargo en lingua quechua para constituír o novo equipo de goberno do Perú no Congreso da República.

Fonte: Wapa

 

A televisión pública polaca estrea unha canle en lingua inglesa

A corporación pública de televisión de Polonia, TVP, estreará unha canle de televisión en inglés dirixida á comunidade de polacos e polacas que viven no estranxeiro.

Fonte: Broadband TV News

Portugal aproba a regulamentación da interpretación da lingua de signos portuguesa

O Goberno de Portugal aprobou en comisión parlamentaria a proposta do partido PAN (Persoas-Animais-Natureza) para regulamentar a actividade da interpretación en lingua de signos.

Fonte: Sapo 24

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder