Mundo
O comisario da Lingua Galesa defende a importancia do sector agrícola para a supervivencia do galés
O comisario da Lingua Galesa, Aled Roberts, declarou que se debe protexer e incentivar a agricultura porque é un sector importantísimo para a supervivencia do galés como lingua comunitaria.
Fonte: BBC
O Premio de Ensaio Jacinto do Prado Coelho xa ten gañadores
O poeta Nuno Júdice e o ensaísta Fernando Venâncio son os vencedores do Premio de Ensaio Jacinto do Prado Coelho. Os dous autores portugueses obtiveron o importante galardón, instituído pola Asociación Internacional de Críticos Literarios, polas obras Camões por cantos nunca dantes navegados e Assim nasceu uma língua, respectivamente.
Fonte: Público
Preséntase en Iparralde unha nova ferramenta dixital para avanzar na normativización do éuscaro
A Real Academia da Lingua Vasca ou Euskaltzaindia presentou no Concello de Baiona (Iparralde) a ferramenta dixital "Euskara eskuz esku" (EEE, o éuscaro de man en man) co obxectivo de impulsar a lingua unificada en Iparralde.
Fonte: El Diario Vasco
O Instituto Cervantes de Salvador de Baía organiza unha mostra de cinema LGBTQI+ en español
O Instituto Cervantes de Salvador de Baía (Brasil) ofrece unha mostra virtual de curtametraxes de temática LGBTQI+ en español. As producións estarán dispoñibles na canle Vimeo do Instituto Cervantes.
Fonte: Globo
Dúas entidades públicas únense no Perú para ofrecer cursos de linguas indíxenas
A Biblioteca Nacional do Perú e a Dirección de Linguas Indíxenas do Ministerio de Cultura organizan cursos en liña de quechua (da variedade chanka) e ashaninka. Os cursos serán impartidos por medio de plataformas de videoconferencia.
Fonte: TVRobles
O alemán volve ao currículo escolar de San Tomé e Príncipe
San Tomé e Príncipe reintroduciu o ensino opcional da lingua alemá no sistema escolar, despois de anos de ausencia nos centros educativos do arquipélago.
Fonte: Deutsche Welle
Autorízase o ensino do catalán nas escolas da cidade sarda de Alguer
Por medio da aprobación dunha lei de 2018, a Xunta Rexional da Rexión Autónoma de Sardeña autorizou a impartición da lingua algueresa nas escolas da cidade de Alguer.
Fonte: dBalears
A Universidade Napier de Edimburgo abandona a impartición de carreiras lingüísticas

A Universidade Napier de Edimburgo converteuse no terceiro centro de ensino superior de Escocia que decide recortar os seus estudos de natureza lingüística por motivos de baixa rendibilidade económica.
Fonte: The Times
A Universidade da Integración Internacional da Lusofonía amplía a súa oferta en lingua portuguesa
A Universidade da Integración Internacional da Lusofonía Afro-Brasileira (UNILAB), con sede no estado brasileiro de Ceará, ampliou recentemente a súa oferta de cursos dedicados á lingua portuguesa.
Fonte: Plataforma Media
O Museo da Lingua Italiana será unha realidade a partir de 2021
O ministro italiano de Cultura, Dario Franceschini, confirmou que o ano que vén comezarán as obras en Florencia do Museo da Lingua Italiana. O inicio deste proxecto coincidirá co aniversario dos 700 anos da morte de Dante.
Fonte: ANSA
Boletín
Subscríbase ao boletín