Mundo

A canle de televisión S4C estrea unha serie onde persoas famosas aprenden a lingua galesa

A canle de televisión en lingua galesa S4C estrea Iaith ar Daith, unha nova serie de televisión onde cinco persoas famosas deciden afrontar o reto de aprender a lingua galesa nunha viaxe por diferentes puntos da xeografía do País de Gales.

Fonte: WalesOnline

O Goberno da República Federal Alemá divulga información sobre o coronavirus en diferentes linguas

O sitio web da Delegada de Migración, Persoas Refuxiadas e Integración da República Federal Alemá publica e divulga información actualizada sobre o coronavirus nun bo número de linguas estranxeiras.

Fonte: Die Beauftragte der Bundesregierung für Migration, Flüchtlinge und Integration

Formalízase a creación do Consello Nacional de Linguas en Marrocos

Marrocos aprobou finalmente a creación do Consello Nacional de Linguas e da Cultura Marroquí (CNLCM, polas súas siglas en francés) que se encargará de promulgar todos os ditames de ámbito lingüístico do país africano.

Fonte: L'Economiste

Unha aplicación gratuíta de ensino de linguas bate un récord en solicitudes para aprender gaélico escocés

En tan só cinco meses, a aplicación gratuíta para a aprendizaxe de linguas Duolingo bateu un récord no número de usuarias e usuarios que queren aprender gaélico escocés. Actualmente unhas 300 000 persoas están aprendendo esta lingua nesta plataforma, cifra que supera amplamente o seu número total de falantes en toda Escocia.

Fonte: The Scotsman

O Goberno de Massachusetts lanza un portal en español de atención a persoas desempregadas

Co fin de chegar ao maior número de usuarios e usuarias, o Departamento de Emprego do Goberno de Massachusetts (EUA) lanzou unha versión en español para persoas que queiran demandar un subsidio por desemprego. Así mesmo, nos próximos días, esta mesma entidade publicará versións da solicitude noutras linguas como o portugués, o chinés ou o vietnamita, entre outras.

Fonte: WGBH

Unha canle de televisión irlandesa lanza un programa en gaélico para alumnado de primaria

A canle de televisión da República de Irlanda TG4 lanzará proximamente Cula4 ar Scoil, un programa en gaélico para alumnado de primaria que se emitirá todos os días durante media hora.

Fonte: The Irish Sun

Unha organización benéfica crea un sitio web con contidos en lingua galesa para escolares e familias

A organización benéfica galesa BookTrust Cymru lanzou un sitio web con contidos en lingua galesa en diferentes formatos para escolares e as súas familias. O proxecto está especialmente pensado para este período de corentena por mor do coronavirus.

Fonte: Wales247

Unha telenovela en lingua irlandesa organiza unha competición de escrita creativa

A coñecida telenovela irlandesa Ros na Rún, da canle en lingua gaélica TG4, lanza unha competición de escrita creativa neste idioma para nenos e nenas.

Fonte: RTÉ

O traballo dos intérpretes en lingua de signos é crucial durante a pandemia do coronavirus

A presenza de intérpretes de lingua de signos estase incrementando nas últimas semanas dun xeito moi importante, tal e como relata Ellon Roth, intérprete de lingua de signos na cidade de Washington (EUA). O labor destas profesionais convértese en esencial para trasladar a información sobre a pandemia ás persoas da comunidade xorda.

Fonte: NBC Washington

A Universidade Estatal Paulista presenta un programa virtual para practicar inglés

A Universidade Estatal Paulista (UNESP) de São Paulo (Brasil) presentou o Programa de Lingua Inglesa da Unesp que ofrecerá encontros virtuais sobre temas literarios, musicais e culturais co obxectivo de que o estudantado practique a lingua inglesa.

Fonte: Saopaulo.sp.gov.br

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder