Mundo

Unha universitaria escocesa ofrece aulas gratuítas de lingua de signos durante o confinamento

Unha estudante escocesa da Universidade de Edimburgo está a ofrecer aulas en liña gratuítas de lingua de signos británica durante o período de confinamento. O obxectivo que busca a rapaza é concienciar as persoas sobre a importancia desta lingua.

Fonte: Edinburgh News

As visitas telemáticas do Hermitage en lingua italiana rexistran un grande éxito

A transmisión en vivo en lingua italiana do museo do Hermitage de San Petersburgo rexistra un grande éxito. Un total de 10 000 persoas seguiron o directo e outras 160 000 estableceron conexión nalgún momento.

Fonte: Sassari Notizie

Colectivos de persoas xordas do Canadá gaban o recente incremento no uso de intérpretes en lingua de signos

Integrantes da Asociación Canadense de Intérpretes de Lingua de Signos e da comunidade de persoas xordas de Toronto agradeceron o incremento no uso dos servizos de interpretación nesta lingua por mor da pandemia do COVID-19.

Fonte: Global News

Crean unha páxina en Youtube para aprender lingua de signos portuguesa

Un neno portugués dunha familia bilingüe é o encargado de impartir clases de lingua de signos portuguesa nunha nova páxina creada en Youtube.

Fonte: Evasões

Publícanse mapas en gaélico irlandés da cidade de Belfast

O grupo de apoio á lingua gaélica Turas acaba de publicar, coa axuda dunha universidade local, diferentes mapas en gaélico irlandés da cidade norteirlandesa de Belfast.

Fonte: The Irish Times

Difunden vídeos en linguas indíxenas para informar a poboación sobre o coronavirus en México

A Secretaría de Saúde do estado mexicano de Chiapas difundiu nas redes sociais vídeos informativos en linguas orixinarias para que a poboación dos diferentes pobos indíxenas poida protexerse contra o coronavirus.

Fonte: La Verdad

Morre en Francia o deseñador de Astérix e Obélix

Morre aos 92 anos Albert Uderzo, deseñador da famosa banda deseñada de Astérix e Obélix cuxas aventuras foron traducidas a 107 linguas e dialectos de todo o mundo.

Fonte: Diário do Minho 

Mongolia anuncia que volverá empregar o alfabeto tradicional

A República de Mongolia anunciou que a partir do ano 2025 abandonará o alfabeto cirílico e restaurará o uso da escritura vertical tradicional.

Fonte: Jornalet

Un grupo de eurodeputadas e eurodeputados da UE reclama maior contratación de profesionais da tradución

Nunha iniciativa dos portugueses Sandra Pereira e João Ferreira, máis de 60 eurodeputadas e eurodeputados de varios países presentaron unha carta reclamando unha maior contratación de profesionais da tradución nas institucións europeas. A falta de profesionais podería pór en risco o multilingüismo da UE.

Fonte: JN

Créase un novo tipo de letra para a lingua galesa

O Goberno de Gales encargoulle ao estudio de deseño Smörgåsbord unha nova fonte tipográfica que será usada especificamente para a lingua galesa.

Fonte: Design Week

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder