Mundo

O Goberno do Reino Unido anuncia un investimento de 6,5 millóns de libras para o ensino do inglés

O Goberno do Reino Unido anunciou a aprobación dun programa de integración de 6,5 millóns de libras para que as comunidades locais invistan na capacitación en inglés de persoas que falen outras linguas.

Fonte: Gov.uk

O presidente da República de Portugal defende de novo a universalización da lingua portuguesa

Nunha reunión do Instituto Camões en Lisboa, o presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, defendeu unha vez máis a necesidade de promover o ensino do portugués en países non lusófonos para conseguir a súa universalización.

Fonte: Mundo Lusíada

A política de ensino bilingüe imposta por China no Tíbet está minguando o ensino da lingua tibetana nas escolas

Un informe da ONG Human Rights Watch revelou que a política de ensino bilingüe que China impón desde hai unha década na Rexión Autónoma do Tíbet e outras zonas de tradición tibetana está facendo minguar o ensino na lingua vernácula nas escolas.

Fonte: Human Rights Watch

Presentan unha petición no Parlamento de Estonia para promover a investigación sobre cultura e lingua estonianas

Un grupo de persoas investigadoras presentou na Cámara Lexislativa de Estonia o Riigikogu, unha declaración a favor de promover o estudo e a investigación en lingua e cultura estonianas.

Fonte: ERR

O municipio portugués de Vila Real convoca unha bolsa de estudo de lingua alemá

A Cámara Municipal de Vila Real, en Portugal, convocou unha bolsa de estudos para aprender lingua alemá na Universidade de Osnabrück (Alemaña).

Fonte: Notícias de Vila Real

Increméntase o número de falantes de éuscaro en Iparralde grazas ao desenvolvemento do ensino nesta lingua

O éuscaro convértese na única lingua minorizada de Francia que rexistra un incremento no número de falantes. O principal motivo deste progreso está na aposta polo ensino en éuscaro en Iparralde.

Fonte: L'Express 

O Camerún anuncia un programa para recuperar as súas linguas indíxenas

O estado centroafricano do Camerún anunciou un ambicioso programa que apostará pola promoción e oficialización das súas linguas indíxenas co fin de pór solución ao conflito secesionista que azouta o país desde hai anos.

Fonte: Voa News

 

Unha obra sobre as linguas en extinción en Portugal chega ao teatro nacional D. Maria II

O teatro nacional D. Maria II de Lisboa acollerá a estrea da obra teatral A menor língua do mundo que fala das linguas en extinción en Portugal.

Fonte: Sábado

Queda aberto o prazo para presentar traballos para o premio de literatura en lingua portuguesa 'Oceanos'

Acaba de abrir o prazo para a presentación de obras literarias para o Oceanos-Prêmio de Literatura em Língua Portuguesa, un dos certames de literatura máis importantes entre os países lusófonos. Poderán presentarse novelas, libros de poesía, contos, crónicas e obras dramáticas publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

Fonte: Diário do Nordeste

O Municipio de Viana do Castelo ofreceu clases gratuítas de portugués a persoas de 49 nacionalidades diferentes

O Municipio de Viana do Castelo imparte clases gratuítas de portugués co obxectivo de incrementar os coñecementos desta lingua na poboación migrante que reside ou traballa na zona. Desde que se iniciou o proxecto, os cursos acolleron persoas de 49 nacionalidades diferentes. Actualmente están inscritas 134 persoas.

Fonte: Rádio Alto Minho

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder