Mundo
A Comisión Europea publica un concurso para incorporar 50 tradutores ou tradutoras de gaélico irlandés
A Comisión Europea anunciou recentemente un concurso para contratar 50 profesionais que poidan traducir ao gaélico irlandés dado que esta lingua acadará o estatuto de idioma de traballo en 2022.
Fonte: Irish Times
O Instituto Confucio de Lisboa valora moi positivamente o ensino do chinés mandarín en Portugal

O director do Instituto Confucio de Lisboa, Wang Jincheng, aproveitou a cuarta sesión dos Encontros de Estudos sobre China para valorar moi positivamente o ensino do chinés mandarín en Portugal. Segundo as súas palabras, o ensino desta lingua "vive a mellor fase da historia".
Fonte: Ni hao Portugal
Unha importante empresa do ámbito educativo prognostica unha mellora da habilidade lingüística en inglés en Arabia Saudita
A empresa Education First prognostica que nos próximos anos a cidadanía de Arabia Saudita conseguirá mellorar as súas habilidades lingüísticas en lingua inglesa. Actualmente o país árabe ocupa a posición 98 dun total de 100 países en dominio do inglés.
Fonte: Arab News
O presidente da República de Portugal lembra o labor de Malaca Casteleiro na proxección da lingua portuguesa
O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, agradeceu a contribución para a proxección da lingua portuguesa do académico João Malaca Casteleiro, finado recentemente.
Fonte: Sapo 24
O partido dos Verdes propón crear unha zona exclusiva de falantes de gaélico nun condado de Irlanda
O partido dos Verdes do Condado irlandés de Donegal quere crear unha zona de fala gaélica nun contexto urbano que garanta o uso social da lingua.
Fonte: Highland Radio
Letonia quere reducir a cota de contidos televisivos en ruso
O presidente de Letonia, Egil Levits, presentou unha proposta no Parlamento do país báltico para reducir a un 20 % a cota de contidos televisivos en ruso.
Fonte: UNIAN
A Asemblea Nacional de Francia estudará a retransmisión diaria en occitano na televisión pública
A asociación Collectiu Occitan conseguiu levar á Asemblea Nacional de Francia unha proposta de lei para garantir a presenza diaria do occitano na televisión pública.
Fonte: Jornalet
A longametraxe coreana Parasitos convértese na primeira produción en lingua estranxeira en gañar o Óscar ao mellor filme

A longametraxe coreana Parasitos, dirixida por Bong Joon Ho, fixo historia ao se converter na primeira produción filmada nunha lingua diferente do inglés en gañar o Óscar ao mellor filme. Ademais deste, recibiu outros tres Óscar: mellor dirección, mellor película internacional e mellor guión orixinal.
Fonte: StarTribune
Ontario abrirá a primeira universidade francófona da provincia
Un acordo asinado entre o Goberno do Canadá e o da provincia canadense de Ontario permitirá abrir na cidade de Toronto a primeira universidade francófona da provincia.
Fonte: Study International
Celébrase o Día da Música en Lingua Galesa
Diferentes concertos no País de Gales e outros lugares de Europa celebran o Día da Música en Lingua Galesa co fin de promover a música nesta lingua e apoiar o plan do Goberno de Gales de conseguir o millón de falantes de galés antes de 2050.
Fonte: The Guardian
Boletín
Subscríbase ao boletín