Mundo

Cabo Verde debaterá a inclusión do crioulo como lingua oficial

O ministro de Cultura de Cabo Verde, Abraão Vicente, declarou que quere abrir un debate a nivel institucional para considerar ou non o crioulo como lingua oficial do país.

Fonte: Mundo ao Minuto

Dúas propostas sobre a lingua de signos entran no Senado do Brasil

O Senado do Brasil recibiu dúas propostas lexislativas que promoverían o uso da lingua de signos brasileira. A primeira introduciría a lingua de signos como primeiro idioma nas escolas para o alumnado xordo e a segunda garantiría a inclusión de contidos relativos á lingua de signos para todo o alumnado indistintamente de se é xordo ou non.

Fonte: Tupi.fm

Alertan da desaparición de moitos alfabetos en todo o mundo

Un grupo de expertos e expertas sobre linguas alerta que moitos dos alfabetos actuais están en serio risco de desaparición e isto levaría a unha perda irreparable para a humanidade xa que estes ofrecen unha información cultural moito máis completa que a linguaxe falada.

Fonte: BBC

Un investigador da Universidade de Trás-os-Montes dá a coñecer unha figura pioneira da edición en lingua portuguesa

O profesor e investigador da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), José Barbosa Machado, realizou un intenso traballo de investigación onde deu a coñecer a historia de Rodrigo Álvares, un dos primeiros editores en lingua portuguesa que participou na impresión da obra O Sacramental, publicada en Chaves en 1488. Co fin de divulgar a historia deste impresor, o investigador escribiu tamén a obra de teatro O Impressor que escenificará o alumnado universitario da cidade de Chaves.

Fonte: Revista Port

Arabia Saudita introducirá o ensino da lingua chinesa nas escolas como segundo idioma estranxeiro

Acordos bilaterais entre Arabia Saudita e China fomentarán a introdución do ensino da lingua chinesa como terceiro idioma nas escolas e universidades do país árabe. As primeiras medidas pasarán polo ensino do chinés en oito escolas distribuídas en diferentes cidades do país.

Fonte: The Jerusalem Post

A escaseza de persoal obriga á rebaixa dos requisitos lingüísticos do corpo de policía federal de Alemaña

Medios de comunicación alemáns informaron de que a escaseza de persoal no corpo da policía federal de Alemaña leva a amolecer as esixencias das probas de contido lingüístico en lingua alemá.

Fonte: The Local

Netflix duplicará os seus contidos orixinais en lingua francesa

O xigante dos contidos multimedia Netflix acaba de abrir a súa oficina en París o que permitirá duplicar o número de series e producións editadas en lingua francesa.

Fonte: The Verge

Publícase un novo dicionario bilingüe francés-occitano

Un profesor de occitano da Universidade de Toulouse publicou unha nova obra lexicográfica. Trátase dun novo dicionario de peto francés-occitano que inclúe 13 000 termos.

Fonte: Jornalet

O ano 2019 rexistrou o récord de persoas que se presentaron aos exames oficiais de competencia en coreano

A popularidade da lingua coreana non deixa de medrar. Boa mostra disto é o número de persoas que se presentaron no ano 2019 ás probas de certificación desta lingua. O total ascende a 375 871, un 14,2 % máis có ano anterior.

Fonte: The Corean Herald

Medra o número de grupos musicais nos Países Baixos que deciden adoptar o neerlandés como lingua de expresión

Medra o número de grupos musicais nos Países Baixos que deciden adoptar o neerlandés como lingua de expresión para as súas cancións. Na edición do festival Noorderslag deste ano, que ten lugar na cidade neerlandesa de Groningen, o 43 % dos artistas cantarán en neerlandés. Hai vinte anos esta cifra non superaba o 18 por cento.

Fonte: The Guardian

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder