Mundo

O Parlamento Europeo autoriza finalmente unha exposición sobre a lingua catalá

O Parlamento Europeo deu finalmente luz verde a unha exposición sobre a lingua catalá organizada polo eurodeputado catalán Ramon Tremosa e a Plataforma pola Lingua. A iniciativa fora rexeitada nun primeiro momento pola súa proximidade na data coas eleccións xerais.

Fonte: La Vanguardia

 

A Academia Francesa permitirá finalmente a feminización da lingua francesa

Fontes de diferente índole anunciaron que a Academia Francesa permitirá finalmente a feminización das palabras relacionadas cos oficios en Francia. Con esta medida uniformarase un uso xa normalizado noutros países francófonos como o Quebec, Bélxica ou Luxemburgo.

Fonte: L'Express

O presidente de Cabo Verde recomenda a creación dunha norma escrita para o crioulo caboverdiano

O presidente de Cabo Verde, José Carlos Fonseca, aproveitou a celebración do Día Internacional da Lingua Materna para recomendar a constitución dunha norma para o crioulo caboverdiano que permita a súa introdución no ensino.

Fonte: Diário de Notícias

O galego inclúese por primeira vez na declaración oficial da ONU con motivo do Día Internacional da Lingua Materna

O relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos difundiu unha declaración oficial con motivo do Día Internacional da Lingua Materna en 27 idiomas entre os que, por primeira vez, estaba o galego.

Fonte: Praza Pública

A ministra da Lingua Galesa do País de Gales anima os falantes de galés a usar máis os servizos ofrecidos neste idioma

A ministra da Lingua Galesa do País de Gales, Eluned Morgan, defendeu a necesidade de que os falantes de galés empreguen máis a súa lingua no ámbito público xa que o nivel de uso actual é baixo.

Fonte: BBC

Un cidadán ruso convértese en responsable da normalización lingüística dunha zona de fala gaélica de Irlanda

Victor Bayda, natural de Moscova, será o próximo responsable da normalización lingüística dunha zona de fala gaélica do sur de Kerry en Irlanda.

Fonte: The Journal

O Instituto Cervantes nomea 21 novos responsables nos seus centros do exterior

O director do Instituto Cervantes, Luis García Moreno, nomeou un total de 21 novos directores e directoras de centros da institución no exterior.

Fonte: El Diario
 

Descobren o dicionario chinés-español máis antigo do que se ten coñecemento

Os catedráticos Fabio Yu-Chung Lee da Universidade Nacional Tsing-Hua de Taiwán e José Luis Caño Ortigosa da Universidade de Sevilla descubriron no arquivo da Universidade de Santo Tomás de Manila (Filipinas) o dicionario chinés-español máis antigo e completo do que se ten coñecemento.

Fonte: University of Santo Tomás

Un kenyano inventa unhas luvas que traducen a lingua de signos

O kenyano Roy Allela creou unhas luvas capaces de converter lingua de signos en sons. O invento foi xa nomeado para o Premio Africano de Innovación en Enxeñaría.

Fonte: Shifter

O Brasil defende a sistematización do ensino da lingua portuguesa para as persoas estranxeiras

O responsable do Ministerio de Asuntos Exteriores do Brasil, Bruno Zétola, declarou que o seu goberno desexa sistematizar os programas de ensino do portugués para persoas estranxeiras ou nacionais que non falen o portugués como primeira lingua.

Fonte: Observador

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder