Mundo
Comeza a Semana da Lingua Italiana no Mundo
Diferentes países de varios continentes celebrarán a XVIII Semana da Lingua Italiana no Mundo con multitude de actividades. O tema deste ano é a presenza do italiano nas redes virtuais.
Fonte: Askanews
O estado norteamericano de Luisiana ingresa na Organización Internacional da Francofonía

Os 54 membros da Organización Internacional da Francofonía aprobaron por unanimidade o ingreso na institución do estado de Luisiana (EUA) que conta con 250 000 falantes francófonos.
Fonte: Language Magazine
Un grupo de expertos de Manchester defende unha mellor capacitación en lingua inglesa para conseguir integrar as persoas estranxeiras
Un grupo de expertos da Universidade de Manchester defendeu a mellora dos servizos de capacitación en inglés para conseguir unha integración máis eficaz das persoas de fóra no mercado de traballo da cidade inglesa.
Fonte: The University of Manchester
A lingua portuguesa representa o 17 % do produto interior bruto de Portugal
O ministro de Asuntos Exteriores de Portugal, Augusto Santos Silva, destacou o valor económico da lingua portuguesa e declarou que esta representa case o 17 % do produto interior bruto do país luso.
Fonte: Sapo 24
A Academia Angolana de Letras demanda unha revisión do Acordo Ortográfico
A Academia Angolana de Letras solicitoulle ao Goberno de Angola que non ratifique o Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa antes de que se faga unha revisión deste.
Fonte: África 21 Digital
Duolingo engade o hawaiano á súa lista de linguas
A aplicación para a aprendizaxe de linguas Duolingo acaba de incluír o hawaiano á súa lista de idiomas. Con esta nova incorporación, son xa 37 as linguas que se poden aprender nesta plataforma.
Fonte: NBC News
O País de Gales rexistra un novo descenso no número de matrículas universitarias en linguas estranxeiras
As universidades do País de Gales rexistraron un preocupante descenso no número de matrículas en carreiras relacionadas co estudo de linguas estranxeiras. Este ano só 80 estudantes se inscribiron en licenciaturas lingüísticas, fronte aos 120 do ano anterior.
Fonte: BBC
O Concello de Belfast nomea unha persoa responsable da promoción do gaélico no ámbito local
O Concello de Belfast acaba de nomear un oficial de gaélico irlandés que se ocupará da promoción desta lingua tanto no ámbito municipal como entre a cidadanía. O ente local designou tamén unha persoa encargada da promoción do escocés do Úlster.
Fonte: BBC
O portugués pode axudar a mellorar as perspectivas laborais dos timorenses
Con motivo dun evento na Escola Portuguesa en Dili, capital de Timor Leste, a secretaria de Estado de Asuntos Exteriores de Portugal, Teresa Ribeiro, defendeu a importancia do ensino e dominio da lingua portuguesa para mellorar as opcións da xente nova á hora de acceder a un mercado laboral global.
Fonte: Observador
Un proxecto centrado no reforzo da lingua materna podería axudar a escolares portugueses a aprenderen luxemburgués
Un estudo pioneiro en Luxemburgo centrado no estímulo da linguaxe oral mostra que o ensino e estudo da lingua materna pode axudar nenas e nenos de ascendencia portuguesa a aprenderen outras linguas oficiais como o luxemburgués.
Fonte: Açoriano Oriental
Boletín
Subscríbase ao boletín