Mundo

A canle France 24 emitirá en árabe dez horas ao día

A canle pública francesa de información internacional France 24 pasou o pasado luns de catro a dez horas diarias de emisións en lingua árabe.

Fonte: AFP

Os ordenadores que len os labios poden detectar linguas distintas

Científicos da Universidade de Anglia do Leste crearon ordenadores capaces de ler os labios que poden distinguir linguas diferentes. Estes ordenadores xa están en proceso de desenvolvemento, pero trátase da primeira vez que se lles "ensinou" a recoñecer linguas distintas.

Fonte: University of East Anglia

O mirandés gaña cada vez máis adeptos

O mirandés, a segunda lingua oficial de Portugal, está a gañar cada vez máis adeptos. En 1999 foi recoñecida como Lingua Oficial Rexional e, no mesmo ano, foi tamén publicada a Convención Ortográfica preparada por especialistas das Facultades de Lisboa e Coimbra e por un conxunto de mirandeses.

Fonte: IOL Diário

A Chunta Aragonesista denuncia en Bruxelas o "abandono" do aragonés e do catalán por parte do Goberno de Aragón

Representantes de Chunta Aragonesista (CHA) reuníronse en Bruxelas con membros do gabinete do comisario de Multilingüismo, Leonard Orban, e co eurodeputado de Eusko Alkartasuna, Mikel Irujo, para denunciar o "abandono" do aragonés e do catalán por parte do Goberno de Aragón.

Fonte: Europa Press

Os organizadores dos Xogos Olímpicos de Inverno de Vancouver reclaman financiamento para usar o francés

Os organizadores dos Xogos Olímpicos de Inverno de Vancouver, que se celebrarán no ano 2010, solicitan fondos suplementarios do Goberno federal para financiar o uso do francés durante a celebración destes Xogos.

Fonte: The Canadian Press

Uruguai introducirá o portugués nas escolas públicas

A lingua portuguesa será ensinada como segundo idioma nas escolas públicas de Uruguai a partir do próximo ano 2010, tal e como afirmou a ministra uruguaia de Educación e Cultura, María Simón.

Fonte: Notícias do Douro

O Goberno irlandés promove a súa lingua no estranxeiro

O Goberno irlandés destinará máis de 700.000 euros á promoción da lingua irlandesa no estranxeiro este ano. Universidades e colexios universitarios de todo o mundo beneficiaranse de bolsas nun intento para conseguir que máis xente fale irlandés en todo o mundo.

Fonte: Cultural Diplomacy News

Batalla lingüística entre flamengos e francófonos belgas con motivo das eleccións europeas

Varias localidades da periferia flamenga de Bruxelas decidiron prohibir os carteis electorais en francés. O alcalde de Afligem explica que o “persoal do municipio fará roldas todos os días para localizar os carteis francófonos e pegarán carteis en branco encima”.

Fonte: Euronews

Os indíxenas mexicanos deberán contar cun defensor público nos xuízos que coñeza a súa lingua e cultura

O Tribunal Supremo de Xustiza da Nación resolveu que cando nun xuízo estean involucrados indíxenas que non coñezan o idioma en que se desenvolva o proceso, os xuíces están obrigados a designar un defensor público que coñeza a súa lingua e cultura.

Fonte: Vanguardia

Chile amplía o ensino do chinés nos institutos

O Ministerio de Educación de Chile anunciou a ampliación do ensino do chinés nos institutos do país. Segundo o plan do Ministerio, o número de institutos que conta con cursos de chinés como lingua estranxeira aumentará de 5 a 10 en 2009 e o número de estudantes de secundaria que aprende chinés incrementarase de 850 en 2008 ata 1700.

Fonte: Xinhua.net

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder