Mundo
A lingua de signos será oficial no sistema educativo de Paraguai
Unha resolución emitida polo Ministerio de Educación de Paraguai establece a utilización da lingua de signos nas institucións educativas, o que a converte nun idioma recoñecido igual que o castelán ou o guaraní.
Fonte: ABC Digital
Os servizos secretos de EE.UU. fallan en idiomas
Os corpos de espionaxe e contraterrorismo de EE.UU. seguen sen poder traducir unha gran parte do material que obteñen ou interceptan.
Só o 13 % dos preto de 25000 empregados desa axencia fala un idioma distinto ao inglés e moi poucos coñecen os de Asia central e as variedades de árabe que actualmente constitúen a súa principal preocupación.
Fonte: Excelsior
Unha organización vixía que as farmacias de Nova York teñan servizos de intérpretes
A organización "Se Hace Camino Nueva York" está atenta a que as cadeas de farmacias cumpran cos acordos logrados coa Fiscalía Xeral do estado, que as obriga a ofrecer o servizo de interpretación a clientes que non falen inglés.
Fonte: El Sentinel
Ontario cambia a súa definición oficial de poboación francófona
Os francófonos definíanse ata o momento como os que tiñan o francés como lingua materna. Agora tamén se consideran as persoas que teñen un bo coñecemento do francés e as que o empregan na casa. Deste xeito, a poboación francófona pasou de constituír o 4,4 % da poboación de Ontario ao 4,8 %.
Fonte: Les Affaires
A xustiza belga recoñece un caso de discriminación lingüística
Un xuíz belga recoñeceu que un municipio flamengo violara os principios constitucionais de igualdade e de non-discriminación ao prohibir a fixación de carteis electorais en francés no seu territorio.
Fonte: Libération
O Reino Unido fai público o terceiro informe sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias
O Reino Unido acaba de publicar o terceiro informe sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa. O informe mostra un progreso constante para linguas do Reino Unido como o galés, o córnico, o gaélico escocés, o manés e o scots, aínda que faltan detalles sobre a aplicación de medidas para o irlandés e o escocés do Ulster, que están pendentes dun informe complementario do goberno de Irlanda do Norte.
Fonte: Eurolang
Un programa oficial do Ministerio de Educación de Panamá intenta salvar linguas indíxenas
Un programa cultural do Ministerio de Educación intenta salvar nove linguas indíxenas faladas en Panamá, segundo confirmou a lingüista panameña Ana Montalván, quen traballa na iniciativa promovida polo Estado.
Fonte: Nuestro País
Case a metade dos profesores de inglés de Colombia non sabe falar o idioma
Segundo un estudo realizado polo Ministerio de Educación, case a metade dos profesores de inglés de Colombia non sabe falar o idioma.
Fonte: Colombia Reports
O Parlamento Europeo conta con 1.500 tradutores e intérpretes
Con 1.500 tradutores e intérpretes, o Europarlamento é o organismo de todo o mundo con máis persoal dedicado a este fin. Ademais, actualmente, os 27 países membro manexan un total de 23 linguas.
Fonte: El Correo Gallego
O alfabeto caboverdiano vai comezar a ser divulgado en todo o país
O alfabeto caboverdiano, aprobado en xaneiro de 2009, vai comezar a ser divulgado en todo o país a partir de mediados deste mes a través dos medios de comunicación.
Fonte: Expresso
Boletín
Subscríbase ao boletín