Mundo

Un deputado senegalés propón que a aprendizaxe da lingua wolof sexa obrigatoria

O deputado senegalés Samba Diouldé Thiam propón que a aprendizaxe do wolof sexa obrigatoria no conxunto do país, ao lado doutra lingua nacional en función da área xeográfica, todo iso apelando á salvagarda do francés, "patrimonio histórico", que continuará a ser ensinado tras a "pertinente reorganización".

Fonte: Agence de Presse Sénégalaise

Novas regras deixarán a lingua portuguesa fóra das patentes europeas

O secretario xeral da Asociación dos Consultores en Propiedade Industrial (ACPI), Gonçalo Sampaio, considera que a ratificación por Portugal do chamado "Acordo de Londres", e que deixará fóra a lingua portuguesa no rexistro de patentes europeas, traerá maiores custos para os empresarios portugueses e poderá "matar a innovación" no país.

Fonte: Jornal de Negócios

Propoñen crear o Instituto de Linguas de Michoacán

Estudosos e especialistas en linguas e culturas propuxeron a creación do Instituto de Linguas do estado mexicano de Michoacán (INLIEM) ante os perigos que ameazan a supervivencia das linguas nahua, mazahua, otomí e purépecha.

Fonte: Cambio de Michoacán

O Goberno vasco manterá as axudas ao éuscaro no País Vasco francés

A conselleira de Cultura do Goberno vasco, Blanca Urgell, asegurou que o Goberno vasco manterá as axudas ao fomento do éuscaro no País Vasco francés, ás que este ano destinará máis de 400.000 euros, ao considerar que é a súa "obrigación" colaborar co impulso desta lingua "alí onde se fale".

Fonte: El Correo Digital

Uganda precisa intérpretes de lingua de signos nos centros de saúde

O Goberno de Uganda foi apelado a contratar intérpretes de lingua de signos en centros de saúde en todo o país co fin de axudar as persoas xordas a acceder aos servizos sanitarios.

Fonte: UGPulse

Ponse en marcha en México a estratexia "Niños de linguas" para combater a extinción de linguas indíxenas

"Niño de linguas" é unha estratexia que adoptaron dez comunidades de Oaxaca e dúas de Michoacán para rescatar as súas linguas orixinarias coa participación de adultos e anciáns.

Fonte: E-consulta

O Goberno do Punjab dita directivas para o uso da lingua punjabi

Para promover o uso da lingua local, o Goberno do Punjab indicoulles a todos os ministerios, consellos directivos, empresas, tribunais subordinados e institucións educativas que designen a oficiais para a correcta supervisión e introdución do uso oficial do punjabi.

Fonte: Chennaionline

Os dominios .eu poderán usarse en cirílico e grego e tamén co «ñ»

Co obxectivo de ampliar as posibilidades dos dominios .eu, a Comisión Europea vai permitirlles aos cidadáns da Unión que poidan utilizar os seus propios caracteres cando escriban unha dirección web europea. Esta medida posibilitará que se poidan escribir URL con «ñ», tiles e diéreses, ademais de calquera caracter das 23 linguas oficiais da UE, incluíndo tamén os gregos e cirílicos.

Fonte: ABC

Apróbase a emenda á lei sobre o idioma oficial en Eslovaquia

O Parlamento de Eslovaquia aprobou a controvertida emenda á lei sobre o idioma oficial. A normativa introduce un control máis rigoroso sobre o uso do eslovaco e mesmo impón multas por deterioralo.

Fonte: Radio Slovakia International

Brasil fai balance positivo do acordo ortográfico e insta a Portugal a implantalo en breve

O Ministerio de Educación do Brasil fixo un balance positivo dos seis meses en vigor do Acordo Ortográfico no Brasil e instou a Portugal a subir en breve "ao tren da reforma".

Fonte: Público

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder