Mundo
A televisión do distrito xeorxiano de Marneuli ensinaralle a lingua xeorxiana á poboación de Acerbaixán
A canle de televisión emitirá clases semanais de lingua xeorxiana para a poboación de Acerbaixán, segundo informou Internews Georgia. A canle de televisión de Marneuli, que abrangue varios distritos da rexión Kvemo Kartli poboada por azerbaixanos, lanzará este novo proxecto en outubro.
Fonte: Today
China lanza unha canle de televisión en lingua árabe
China vai lanzar unha canle de televisión en lingua árabe para mostrarlle a Oriente Medio e ao norte de África a China "real". A canle da Televisión Central de China emitirá noticias, así como programas de entretemento e culturais, as 24 horas.
Fonte: BBC
Os hoteis de Xapón buscan persoal bilingüe que fale chinés ou coreano
A Axencia de Turismo de Xapón decidiu modificar o sistema apoiado polo Goberno para rexistrar os hoteis que ofrecen servizos para os turistas estranxeiros, de xeito que os hoteis terán que contratar a máis persoal que saiba falar chinés ou coreano, e non só inglés, de acordo coa información facilitada.
Fonte: The Japan Times
A educación en lingua kurda parece improbable en Turquía
Despois de que o líder do Partido da Sociedade Democrática, Ahmet Türk, se dirixira aos seus deputados no Parlamento na súa lingua materna, o kurdo, Turquía comezou a considerar a posibilidade de ofrecer clases tanto na lingua oficial coma nas linguas propias das minorías nacionais, sobre todo o kurdo.
Fonte: Today's Zaman
Portugal cuadriplica os alumnos de español nos últimos tres anos
O número de alumnos de español cuadriplicouse practicamente nos últimos tres anos académicos, pois pasou de 13.993 a 49.873, segundo unha fonte oficial do Ministerio de Educación. Isto débese principalmente ás oportunidades de acceso ao ensino superior e ao mercado de traballo.
Fonte: Diário de Notícias
A illa tailandesa de Phuket celebra o Día Nacional da Lingua Tailandesa
O 29 de xullo os tailandeses conmemoran o Día Nacional da Lingua Tailandesa e en Phuket foi celebrado durante a semana con cerimonias nas que participaron máis de 1000 estudantes, historiadores e investigadores de prestixio. As celebracións na Universidade Rajaphat de Phuket incluíron un concurso literario, un concurso de música folk tailandesa, bailes tradicionais e intervencións de destacados estudosos sobre a importancia de preservar a lingua escrita da nación.
Fonte: Phuket Gazette
Dous investigadores identifican trinta linguas máis faladas en China
Dous investigadores de Melbourne identificaron trinta linguas "novas" como linguas vivas en China, a cifra máis alta para un só país. O investigador titulado pola Universidade La Trobe, Jamin Pelkey, e o director David Bradley descubriron as linguas en China.
Fonte: Australian News
O Mercosur recoñece o guaraní como lingua oficial
A capital de Paraguai albergou un foro internacional para celebrar a decisión do Parlamento do Mercado Común do Sur (Mercosur) que recoñece o guaraní como idioma oficial desta organización suramericana.
Fonte: Escambray
Os programas de formación lingüística son a clave para o éxito da integración en Canadá
A capacidade lingüística desempeña un papel fundamental para os inmigrantes en Canadá no relativo á súa capacidade para atopar emprego e integrarse con éxito na nova sociedade. Cidadanía e Inmigración Canadá (CIC) estableceu uns servizos de formación lingüística en todo o país para os inmigrantes. Non obstante, tamén é de importancia dominar unha das dúas linguas oficiais de Canadá antes de ir ao país, xa que é un factor de selección importante para moitos tipos de inmigrantes.
Fonte: CIC News
Aumenta o número de falantes de maorí, pero diminúe a súa competencia
Malia que máis neozelandeses se inclúen nos censos como falantes de maorí, a proporción da poboación maorí capaz de manter unha conversa nesta lingua está descendendo. As estatísticas incluídas na publicación dos indicadores de sostibilidade social, ambiental e económica mostran que entre 1996 e 2006 a proporción de persoas capaces de conversar nesta lingua descendeu do 25 ao 23,7%, a pesar de que o número de falantes de maorí aumentou lixeiramente ata os 157.113.
Fonte: 3news
Boletín
Subscríbase ao boletín